Vázquez Almuíña inaugura o VI Congreso da Sociedade Galega Interdisciplinaria de Sida
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, inaugurou hoxe o VI Congreso Sogaisida (Sociedade Galega Interdisciplinaria de Sida), sinalando que non se pode baixar a garda ante este importante problema sanitario. Na nosa Comunidade, a incidencia media de novos casos de infección VIH foi de 72,8 por millón de habitantes no período 2004-2014, situándose por baixo da media española de 91,5 casos.
O titular da carteira sanitaria lembrou que xa levamos máis de tres décadas de convivencia con esta enfermidade, e da mortalidade crecente dos primeiros anos e da ausencia dun tratamento eficaz, pasouse á decisiva mellora que aportaron os tratamentos antirretroviriais hai xa case que vinte anos. Non obstante, o aumento na expectativa de vida destas persoas tamén trouxo como consecuencia unha diminución da sensación de risco, sobre todo entre os máis novos.
Vázquez Almuíña destacou o importante esforzo realizado por todos para garantir a asistencia sanitaria e social nestes anos de crise, coa colaboración inestimable das ONGs, impulsando, ademais, o Programa Galego de Protección Social da Saúde Pública, que permitiu facilitar a atención sanitaria a determinados colectivos.
A nova actualización do Plan Galego anti VIH/Sida e outras Infeccións de Transmisión Sexual, que acaba de arrancar neste ano 2015, leva nos seus obxectivos e estratexias moitos retos para seguir avanzando cara a un futuro sen Sida.
A mellora do diagnóstico precoz é clave, polo que o Plan implementa, -dixo o conselleiro-, diversas medias para potenciar o diagnóstico precoz.
Tamén debemos seguir a facer esforzos na difusión dunha información de calidade a toda a poboación, con especial énfase nos máis novos. Neste senso, o emprego das tecnoloxías da información e a comunicación, sobre todo das redes sociais, permitirán mellorar o alcance e a eficiencia das campañas divulgativas.
Creación dun premio de investigación
No eido da investigación, o impulso da mesma en todos os campos da ciencia relacionados coas infeccións de transmisión sexual tamén se verá materializado coa creación dun premio que recoñeza o traballo que se está a facer a prol das persoas afectadas e do problema de saúde pública que representan estas infeccións.
O conselleiro anunciou, tamén, o reforzamento da formación do persoal no relativo á atención a estes pacientes, nun marco de normalidade e respecto dos seus dereitos, para seguir avanzando na redución do estigma e da discriminación das persoas afectadas.











