Vázquez Almuíña comprométese a estudar as demandas do persoal do HAC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, reuniuse este venres coa Xunta de Persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, e con parte do equipo do novo hospital Álvaro Cunqueiro (HAC), aos que lles trasladou o seu desexo de “escoitar” as súas reclamacións, que se comprometeu a “estudar”.

Segundo explicou o presidente da Xunta de Persoal, Ángel Cameselle (CC.OO.), o conselleiro chegou ao novo hospital a primeira hora e visitou algunhas das instalacións, como o servizo de Urxencias, e a zona de consultas externas, onde conversou cos celadores que levan case dúas semanas ‘acampados’ en protesta pola privatización de parte das súas funcións.

A continuación, Vázquez Almuíña, que ía acompañado polo xerente do Chuvi, Félix Rubial, reuniuse coa xunta de persoal para coñecer as súas demandas. Segundo Cameselle, os sindicatos trasladaron ao novo conselleiro “tódolos problemas detectados nos diferentes servizos”.

Así, “informóuselle da suspensión de operacións por falta de material, dos problemas en urxencias, da falta de persoal nalgunhas áreas, das incidencias coas axudas de custo, ou os problemas co aparcamento”. “O conselleiro comprometeuse a estudalo todo, pero a nosa confianza en que se poidan solucionar estas cousas é limitada, porque se trata dun problema de modelo,” apuntou Cameselle.

MODELO E DESCONFIANZA NO XERENTE

O presidente da Xunta de Persoal insistiu en que, o motivo polo que o traslado ao HAC está a ter “consecuencias desastrosas”, está vinculado ao “modelo sanitario imposto por Feijóo”.

Finalmente, os traballadores trasladaron ao conselleiro a súa “falta de confianza” no xerente, Félix Rubial, que foi increpado por varias persoas durante a súa visita co conselleiro, ao berro de ¡ Xerente dimisión!. “Dixémoslle a Vázquez Almuíña que queremos falar directamente co presidente Feijóo, porque o xerente foi incapaz de dar resposta a ningunha das demandas que lle formulamos,”, concluíu.

9 de outubro de 2015 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.