Varela logra unha semana máis para que a confraría acabe de retirar o marisco do Preguntoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

As mariscadoras de Vilaxoán disporán dunha semana mías para acabar de retirar o marisco da praia do Preguntoiro. As xestións realizadas polo alcalde, Alberto Varela, ante Costas tiveron resposta este mediodía, cando se lle comunicou que a rexeneración do areal posporase como máximo ata primeiros de novembro. Esta é a data definitiva se non se quere perder o investimento, xa que a obra ten que estar rematada e xustificada ante o Ministerio antes do día 21 de novembro e os prazos de execución son moi axustados.

Esta é o terceiro aprazamento que consegue o rexedor vilagarciá posto que a intención inicial de Costas era comezar a rexeneración o pasado 13 de outubro, dado que calculaban un período de entre tres e catro semanas para completar os traballos. Dada a premura do aviso, Varela logrou xa nese primeiro encontro que a data de inicio se trasladase ao 19 de outubro e posteriormente, atendendo á petición da Confraría de Vilaxoán, conseguiu un novo aprazamento ata o día 27. Definitivamente, as obras comezarán o día 2ou 3 de novembro, dado que a empresa encargada de realizala, Tragsa, terá que traballar contra reloxo para cumprir os prazos. A situación poderíase complicar en caso de que nese tempo se produzan temporais que obriguen a demorar o aporte de area.

Por outro lado, cómpre salientar que Tragsa ofreceu toda a súa colaboración á Confraría para poder compatibilizar os traballos de ambos. Están dispostos a comezar a rexeneración polo extremo da praia que lle indiquen as mariscadoras a efectos de que, entre tanto, elas poidan acabar de retirar o marisco polo lado oposto.

A rexeneración da praia do Preguntoiro é unha actuación que demandan os veciños de Vilaxoán dende hai tempo. Os traballos permitirán recuperar os áridos que o mar se levou da praia como consecuencia dos temporais dos invernos pasados e gañar así máis espazo para a praia que dispón de Bandeira Azul é que ten un importante efecto dinamizador para a localidade.

15 de outubro de 2015 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.