Varela convoca para o xoves 5 a reunión a fin de decidir o futuro do “Obelisco”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, vén de convocar para o xoves da vindeira semana, 5 de novembro, ás seis da tarde, a anunciada reunión na que se analizará o futuro do denominado “obelisco” que ata hai pouco tempo estivo na praza da Constitución para ser trasladado á Escola de Canteiros de Pontevedra. Tal e como se comprometera publicamente e ademais así consta no pacto de organización do pleno subscrito co principal grupo da oposición, na reunión participarán membros da asociación en defensa do patrimonio e técnicos municipais de distintas áreas.

Esta mesma semana a concelleira de Urbanismo, Paola María, e o de Obras, Lino Mouriño, efectuaron unha visita á Escola da deputación para coñecer de preto os traballos de restauración realizados e xa concluídos. Na visita o propio director da Escola lles aclarou que a peza en cuestión non é un obelisco senón unha “torre de reloxo” ou “columna ornamental”, como efectivamente foi contratada nos anos 30.

Os canteiros están, pois, en disposición de proceder ao traslado e instalación do mal chamado “obelisco”, pero para iso é preciso que, primeiro, o Concello decida se volve ao seu último emprazamento, a praza da Constitución, ao orixinario, a praza de Galicia, ou ben a outro lugar. Precisamente os pros e contras de cada unha das opcións é o que van analizar o vindeiro xoves técnicos e representantes da asociación en defensa do patrimonio local. Á vista das súas conclusións, o goberno local adoptará a decisión final.

O traslado e instalación farase, en todo caso, en fases, posto que primeiro hai que facer os cimentos e asentar as base para logo ir colocando os distintos corpos e ancoralos e finalmente instalar a carcasa de ferro sobre a irá o reloxo.

28 de outubro de 2015 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.