publicidade hoxe

Valga e Padrón acollen charlas informativas sobre o Programa de garantía xuvenil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPadrónValga
A-
A+

O programa de Garantía Xuvenil, que coordina a Consellería de Economía, Emprego e Industria, continúa este xoves 29 de outubro en Valga e Padrón a campaña de charlas informativas destinadas a informar das posibilidades que lles ofrece esta iniciativa a mozos e mozas de entre 16 e 29 anos que actualmente non estean traballando nin recibindo educación ou formación. Ás 12 da mañá comezará a sesión na aula CeMIT de Valga (Avda. da Coruña, 14), e ás 17 horas, a charla será en Padrón, tamén na aula CeMIT (Rúa Mollet del Vallés, 4-6 ).

As sesións continuarán o venres en Vedra e en Oroso. Así, ás 10 da mañá comezará a sesión na aula CeMIT de Vedra (Avda. Manuel Gómez Lorenzo, s/n), e ás 12 do mediodía, o encontro será na aula de Oroso, situada en Sigüeiro (Rúa do Deporte, 9).

Ao mesmo tempo, a aula móbil do programa continúa a súa xira por Galicia. Estará ata o mércores 28 na Coruña (explanada de Riazor), e do xoves 29 ao sábado 31 en Ferrol (Praza do Inferniño). A aula contará coa presenza continua de técnicos de emprego e estará aberta de 12 da mañá a 8 da tarde.

O obxectivo do Programa de Garantía Xuvenil é que os participantes poidan recibir unha oferta de emprego, de educación continua, formación de aprendiz ou acceder a un período de prácticas nun prazo de catro meses despois de acabar a educación formal ou quedar desempregados.

Para acadar este fin, o programa vertébrase en catro eixos: mellora da intermediación (servizo de orientación e información laboral), mellora da empregabilidade (obradoiros de emprego, prácticas non laborais en empresas), estímulos á contratación (bonificacións e incentivos a empresarios que contraten a mozos e mozas inscritos no sistema nacional de Garantía Xuvenil) e fomento do emprendemento (axudas á creación de empresas propias e cooperativas). Este plan de Garantía Xuvenil está cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, nunha porcentaxe do 91,89%.

Para máis información, pódese visitar o sitio web do programa de Garantía Xuvenil (garantiaxuvenil.xunta.es), así como os perfís habilitados en Facebook e Twitter.

27 de outubro de 2015 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.