Valentín García reúnese coa asociación de empresarios da construción de Ourense

Valentín García na reunión con ACO
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, mantivo un encontro de traballo coa Asociación de Empresarios da Construción de Ourense (ACO) enmarcado no Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2020 que está a elaborar a Xunta de Galicia. Este documento -que impulsa o departamento educativo da Xunta de Galicia- busca incrementar a presenza do idioma propio de Galicia nas relacións empresariais e comerciais, un ámbito de influencia e prestixio, e que sirva de efecto multiplicador no resto da sociedade.
Valentín García estivo acompañado polo presidente da devandita asociación, Eligio Nieto, Manuel Novoa (vicepresidente), Santiago Ferreiro (tesoureiro) e Cesáreo Fernández (secretario xeral).
A cita enmárcase na rolda de consultas que se está a manter con axentes estratéxicos na galeguización do tecido económico galego, e que xa incluíu contactos co Foro Enrique Peinador, con cámaras de comercio, coa Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE), con diversas asociacións e confederacións de empresarios, e coa Irmandade Galega de Adegueiros (IRGADE).
O documento inicial deste plan de dinamización xa lle foi remitido a un gran número de entidades vinculadas ao tecido socioeconómico, tendo en conta a diversidade de áreas de especialización existentes. Nesta fase, a Consellería persegue a incorporación do máximo número de achegas posibles desde todos os ámbitos sociais. Xa son 25 as entidades que ofreceron as súas propostas neste período previo á aprobación do Plan, prevista para finais deste ano 2015.
Valor engadido da lingua galega
No espírito do que será o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2010, o idioma propio de Galicia preséntase como un valor engadido no ámbito empresarial, tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras. Un dos aspectos principais é que a lingua galega, ademais de ser un valor como denominación de orixe e de implicar un extra de confianza, calidade e proximidade nos consumidores, fai posible a vía da comunicación internacional en mercados emerxentes do mundo lusófono, como o brasileiro ou o angolano, o que pode supoñer tamén un beneficio económico.
Para reforzar esta idea, a Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña “Exportar en galego” que está a dar moi bos resultados á hora de que os responsables das empresas descubran e intensifiquen as oportunidades dos países da lusofonía -con máis de 250 millóns de falantes- e con algunhas das economías máis emerxentes do mundo.
Trátase, por tanto, de crear conciencia de que o uso do idioma galego favorece os resultados e obxectivos empresariais, así como as relacións laborais, comerciais e bancarias.
Máis de 70 actuacións
O documento establece cinco áreas principais que son a industria, o traballo, o cooperativismo, a banca e mailo comercio. A elas engádenselle outras como a hostalería e a restauración, a industria alimentaria, as axencias de publicidade e entidades intermedias tales como xestorías, asesorías ou despachos de avogados. Dada a natureza da área, poranse en marcha máis de 70 actuacións, algunhas de carácter transversal e outras orientadas a un campo económico en concreto.
O obxectivo común a todas elas pasa por reforzar e aumentar a presenza do galego neste sector, non só para ampliar os lazos comerciais das empresas galegas, senón tamén para xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade tendo en conta o importante papel que xogan as empresas á hora de fixaren comportamentos.











