Valentín García participa na inauguración das II Xornadas Fermín Bouza Brey das Letras Galegas en Vilagarcía de Arousa

Valentín García en Vilagarcía
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, estivo presente este xoves na inauguración das II Xornadas Fermín Bouza Brey das Letras Galegas. O acto comezou ás 09:00 horas coa presenza, ademais, da concelleira de Cultura de Vilagarcía de Arousa, Sonia Outón, da coordinadora provincial dos equipos de dinamización da lingua galega da provincia de Pontevedra, Conchi Díaz, e da vicedirectora do IES Fermín Bouza Brey, Carme Fariña; entroutros.
Ao longo da mañá interviñeron o biógrafo do poeta, Antón Lopo, e Anxo Angueira, quen versou sobre a particular relación que existiu entre Fermín Bouza Brey e Rosalía de Castro. Pola súa banda, Carlos Callón disertou sobre a vivencia da homofobia na obra do escritor homenaxeado.
O venres, segundo e derradeiro día destas II Xornadas Fermín Bouza Brey das Letras Galegas, comezará cun recital poético coordinado por Mila Roca, mestra do instituto. O alumnado de segundo da ESO ha realizar unha performance titulada ‘Literatosbrey’; e Carlos Baliñas disertará sobre o tema ‘Bouza Brey, un amigo’.
As xornadas contan, tamén, coa participación doutros alumnos do centro de secundaria, que presentarán os traballos de investigación que realizaron ao longo do curso pasado; entre os que figuran vídeos didácticos, entrevistas e mostras.
Precisamente, os participantes poden visitar a exposición que sobre o poeta permanece instalada na entrada do instituto. Estas xornadas son de balde e están abertas a calquera persoa que desexe asistir.











