Uns cen mozos inscribíronse no Programa de garantía xuvenil durante a estancia da aula móbil en Vigo
Preto dun cento de mozas e mozos de entre 16 e 19 anos inscribíronse no programa de Garantía Xuvenil, que coordina a Consellería de Economía, Emprego e Industria, durante os dous días de estancia en Vigo da aula móbil coa que se informa desta iniciativa, coincidindo coa feira Empregalia.
Isto supón un importante pulo para o arranque da xira que percorrerá máis de vinte localidades galegas. As principais consultas dos mozos e mozas que se achegaron serviron para dar a coñecer un programa que moitos deles descoñecían, polo que atoparon na aula unha nova oportunidade de futuro.
O obxectivo do programa de Garantía Xuvenil é que os participantes poidan recibir unha oferta de emprego; de educación continua; formación de aprendiz ou acceder a un período de prácticas nun prazo de catro meses despois de acabar a educación formal ou quedar desempregados.
Para acadar este fin, o programa de Garantía Xuvenil vertébrase en catro eixos: mellora da intermediación (servizo de orientación e información laboral); mellora da empregabilidade (obradoiros de emprego, prácticas non laborais en empresas); estímulos á contratación (bonificacións e incentivos a empresarios que contraten a mozos e mozas inscritos no sistema nacional de Garantía Xuvenil) e fomento do emprendemento (axudas á creación de empresas propias e cooperativas).
A partir do luns 19, en Santiago de Compostela
Despois da inauguración de Vigo, a seguinte parada da aula móbil será en Santiago de Compostela desde hoxe ata o mércores 21, en horario de 12 da mañá a 8 da tarde. O acceso é libre, e haberá dous técnicos de emprego que ofrecerán información a todos os mozos e mozas que se acheguen. Entre o xoves e o sábado, a aula móbil visitará Pontevedra. Ademais, de xeito paralelo, levaranse a cabo charlas informativas ao longo da semana en sitios como Betanzos, Ares, Ortigueira e As Pontes.
Para máis información, pódese visitar o sitio web do programa de Garantía Xuvenil (garantiaxuvenil.xunta.es), así como os perfís habilitados en Facebook e Twitter.











