Uns 180 xogadores competirán mañá no III Masterchess Centro Comercial Arousa
O Centro Comercial Arousa e o Club Xadrez Fontecarmoa de Vilagarcía, en colaboración coa Fundación Deportiva Municipal, celebrarán mañá sábado, entre as 11:00 h. e as 20:00h, a terceira edición do Masterchess Centro Comercial Arousa, un encontro no que se prevé a participación de ao redor de 180 xogadores entre os que se atopará a elite do xadrez galego ou Mestres Fide como Julio Suárez e Lucas Abal, campión e subcampión de España sub-18, respectivamente.
A competición dará cabida a dous torneos que se desenvolverán en paralelo. Un, dirixido a mozos de entre 5 e 14 anos e pertencente ao Circuíto Galego de Promoción, no que se disputarán 5 categorías –sub-8 Promesas; sub-10 Benjamines; sub-12 Alevíns; e sub-14 Infantís; e outro absoluto, de xadrez rápido e aberto a profesionais e afeccionados de todas as idades. Ambos se disputarán seguindo o sistema de xogo suízo a 7 roldas.
Máis de medio centenar de xogadores con ranking internacional confirmaron xa a súa asistencia ao torneo, que contará coa presenza dalgunhas das máximas figuras do xadrez galego como son os actuais campións das categorías basee David Seoane (sub-8), Lucas Rey (sub -10), César Dapoza (Sub-12), Martín López (sub-14) ou Andrea Dorado (sub-16).
Clausura e entrega de premios
A clausura do encontro terá lugar ás 20:00 h. e nela procederase á entrega de trofeos –premiarase aos cinco primeiros xogadores clasificados en cada competición-. Estará presidida polo vicepresidente da Federación Galega de Xadrez, Ángel Vilas, o director de Centro Comercial Arousa, Luís González, o director do torneo, Manuel Suárez, e o presidente da Fundación Deportiva Municipal, Argimiro Serén.











