Unhas 8.500 persoas chegan ao porto de Vigo a bordo do ‘Anthem of the Seas’ e o ‘Oriana’

Chegada do Anthem of the Seas
O Porto de Vigo recibirá ao longo da xornada de hoxe a preto de 8.500 persoas, entre pasaxe e tripulación, que chegarán a bordo do ‘Anthem of the Seas’ e o ‘Oriana’, en escala dobre na cidade. Procedente de Lisboa (Portugal), o ‘Oriana’ chegou á Estación Marítima ás 07.30 horas e está previsto que, sobre as 15.30, aproximadamente, poña rumbo a Southampton (Gran Bretaña). Durante a súa estancia na nosa cidade traerá a bordo un total de 1.795 pasaxeiros e 799 tripulantes.
Pola súa banda, o ‘Anthem of the Seas’ chegou a Vigo ás 10.45 horas. Procedente de Southampton (Gran Bretaña) dirá adeus aos peiraos olívicos ás 19.00h. A bordo viaxan un total de 4.310 pasaxeiros de até 47 nacionalidades distintas (3.417 británicos) e 1.574 triuplantes.
Datos ‘Oriana’
A pesar de ser un dos máis antigos buques que compón actualmente a flota de P&O Cruises, o ‘Oriana’ ofrece un aspecto moi elegante e radiante. Inaugurado en 1995, foi construído en Alemaña, pero supervisado completamente por deseñadores e decoradores británicos. Ofrece moitas zonas exteriores con vistas ao mar, detalle que agradecen os pasaxeiros que adoran a navegación, así como un bo abanico de áreas interiores para amenizar relaxadamente as horas de navegación.
Con 261 metros de eslora por 32 de manga, a bordo do ‘Oriana’, os pasaxeiros poderán gozar dun amplo hall acristalado que se alza 4 cubertas, con figuras e paneis de cristal ‘Tiffany’. Destaca a sala ‘The L-Shaped Anderson’s Lounge’, en homenaxe á fundación, en 1830, da Compañía de Navegación Peninsular (Peninsular Navigation Company), que ofrece atractivos cadros mariñeiros do século XIX. Esta sala é o máis parecida a un club de ‘gentlemen’, moi británico. Ademais desta, existen outros lugares destacados como a taberna ‘Lord’s’, unha libraría con centenares de libros e a zona exterior superior, coas súas 3 piscinas. O pasaxeiro pode elixir entre 18 categorías distintas de cabinas. O barco dispón de camarotes individuais para aquelas persoas que viaxan soas, algo moi pouco frecuente nos barcos que se constrúen hoxe en día.
Tras a cea, o pasaxeiro pode gozar do humor inglés ou dun musical ao estilo Broadway no elegante teatro ‘The Theatre Royal’ ou mesmo gozar dunha segunda sala-espectáculo no coqueto ‘Pacific Lounge’, un espazo máis multifuncional no que se ofrecen shows musicais, de humor e onde se realizan clases de bailes para ‘singles’, parellas ou grupos. Do mesmo xeito, o ‘Oriana’ ofrece tamén lugares para o relax, como o spa de a bordo ou a zona termal, xestionada pola británica ‘Harding Brothers’, así como un completo ximnasio con vistas ao exterior desde proa. Para os amantes da gastronomía internacional, o buque pon á súa disposición suxestións típicas da Gran Bretaña, así como dous restaurantes principais: ‘Peninsula’ e ‘Oriental’, mentres que para os que desexen comer e cear de modo máis informal, o buffet ‘The Conservatory’ e a pizzaría ‘Al Fresco’ son as mellores alternativas.
Datos ‘Anthem of the Seas’
Con 350 metros de eslora e 40,8 metros de manga, o ‘Anthem of the Seas’ despídese dos peiraos olívicos tras un total de dez escalas realizadas ao longo desta tempada, deixando en Vigo a, aproximadamente, 55.000 persoas.
Conta con 16 cubertas e un rexistro bruto de 167.800 toneladas. Pertencente á nova ‘Clase Quantum’, está considerado como o barco do futuro, ademais de ostentar o segundo posto entre os cruceiros máis grandes do mundo. Conta con grandes novidades, como o primeiro simulador de paracaidismo en alta mar, un guindastre atalaia que transporta aos pasaxeiros a máis de 90 metros de altura e desde onde poden gozar das mellores vistas, as zonas de lecer máis vangardistas, que inclúen os complexos de deporte e entretemento cubertos máis grandes en alta mar con coches de choque, patinaxe e moito máis.
Ademais, dispón dos camarotes máis grandes e modernos de toda a historia de ‘Royal Caribbean’, que inclúen os primeiros balcóns virtuais da industria. Así mesmo, os pasaxeiros poderán gozar da extensa variedade gastronómica das súas 18 restaurantes, dos seus shows e os seus espectáculos no ‘Music Hall’, ‘Royal Theater’, e a ‘Royal Esplanade’.
Pero se por algo destaca o ‘Anthem of the Seas’ é por escoller Vigo como primeiro porto do mundo onde fixo escala o buque, tras a súa inauguración en Gran Bretaña.
Así, o ‘Anthem of the Seas’ pasou oficialmente a formar parte da flota de Royal Caribbean, que suma xa un total de 23 barcos. Terá a súa base en Southampton (Reino Unido) até o mes de outubro, desde onde visitará o Mediterráneo e as Illas Canarias. No mes de novembro, trasladarase a Nova York. Cape Liberty será o seu porto basee, desde onde realizará cruceiros regularmente ás Bermudas, o Caribe e Canadá e Nova Inglaterra.











