Unhas 500 persoas participan nos obradoiros do Premio Luís Ksado que se fallará este mércores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Case medio milleiro de persoas están inscritas nos dous obradoiros fotográficos impartidos por Ricky Davila e Pierre Bonnord que forman parte do programa do Premio Luís Ksado, convocado pola Deputación da Coruña, que se falla este mércores e ao que se presentaron 109 obras.

Máis de duascentas persoas están inscritas en cada un dos obradoiros que imparten Ricky Davila e Pierre Bonnord e que se están a desenvolver no Paraninfo da Universidade este martes día 20 de outubro e mañá mércores día 21 e que forman parte do programa que ten lugar arredor do Premio Luís Ksado, convocado pola Deputación da Coruña e do que mañá se coñecerá o nome do gañador ou gañadora.

Arredor do Luís Ksado convócanse estas actividades formativas que supoñen ofrecer a profesionais e afeizoados da fotografía a posibilidade de se atopar con profesionais de grande prestixio e aprender das súas experiencias.

Tanto Ricky Davila como Pierre Bonnord forman tamén parte do xurado que se reunirá este mércores día 21 de outubro para dar a coñecer o nome gañador de entre os 109 autores e autoras que se presentaron á presente convocatoria. O premio está comisariado polo fotógrafo Xurxo Lobato, membro tamén dun xurado no que tamén participan a fotógrafa Ana Lage, galega e profesora na Universidade Autónoma de Barcelona e a profesora da Escola de Belas Artes de Porto e comisaria artística Àngela Ferreira. Para poñer fin ao programa de actividades vinculadas ao Luís Ksado, o venres terá lugar a homenaxe ao fotógrafo ou fotógrafa histórica, condición na que xa foron recoñecidos autores como Manuel Ferrol, Ramón Caamaño, Virxílio Viéitez, Alberto Martí, Manuel López, Tino Quián ou Manuel Blanco entre outros.

Para completar a programación, o xoves 22 de outubro ás 20:00 terá lugar no Pazo de San Marcos, en Lugo, a inauguración da mostra antolóxica do premio coas coleccións fotográficas gañadoras das dez primeiras edicións.

Davila e Bonnord, profesores e xurado de excepción

O fotoxornalista Ricky Davila recibiu, entre outros premios, o Fotogranprix, o Ortega Y Gasset 94, o Fotopres 95 ou II Word Press Photo 94. Entre outras actividades da súa ampla traxectoria está ser co-editor da revista Submersia, publicar libros como Retratos e Manila, ser director do Centro de Fotografía Contemporánea de Bilbao ou colaborar con El País Semana.

Pierre Bonnord é un dos artistas máis recoñecidos de fotografía contemporánea, autor dunha obra que visitou os principais centros artísticos de Europa e Estados Unidos. Desde 1998 desenvolve o seu proxecto persoal sobre o rostro humano con series de retratos como Interiors (Madrid, 1999),City (Nova York, 2001), Regards ou Utópicos nos que retratou bandas urbanas, persoas con enfermidades mentais, presas ou vagabundas. A serie Testemuñas achega comunidades e minorías étnicas dos Balkáns ou o Magreb.

20 de outubro de 2015 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.