Unhas 500 persoas colaboraron de forma presencial en dúas semanas no proceso de participación cidadá para delimitar os distritos da Coruña
A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, amosouse “moi satisfeita” co balance das dúas primeiras semanas desde a posta en marcha do proceso participativo de A Porta Aberta, que, nesta primeira volta, busca a opinión da veciñanza para poder delimitar a cidade en distritos, unha división que, posteriormente, será fundamental para a elaboración duns orzamentos participativos. A edil destacou que nestes 15 días, dende que o Goberno local iniciou os encontros coa cidadanía, preto de 500 persoas “participaron de forma presencial, dando as súas opinións en 17 xuntanzas distintas”.
Delso destacou que, como durante a primeira semana, as reunións acollen maioritariamente a cidadanía de mediana idade, entre os 40 e os 50 anos. “Non obstante, a medida que avanzan os encontros, nótase unha maior afluencia de persoas mozas e incluso adolescentes”, comentou a concelleira. “Tamén detectamos que a estas xuntanzas acoden moitas familias. Nais maiores coas súas fillas e fillos ou parellas que se interesan por colaborar para poder artellar esta delimitación da cidade en distritos”, indica. De feito, o proceso participativo de A Porta Aberta , na busca de que estas xuntanzas sexan o máis accesibles posibles para a veciñanza, puxo en marcha un servizo de conciliación. “Case 30 nenos e nenas estiveron atendidas durante os encontros destas dúas semanas mentres que os seus pais participaban neles”, apuntou.
Por outro lado, Delso destacou que, a maiores da participación presencial, unhas 50 persoas comezaron a colaborar neste proceso consultivo a través da web de A Porta Aberta ( www.coruna.es/aportaberta ). “Cada vez hai máis veciños e veciñas que se están achegando a nós a través da rede”, explicou a responsable do departamento de Participación. “Pero é importante que se sume máis xente. O formato é moi intuitivo, polo que a forma de colaborar é moi sinxela”, engadiu.
Celebrados xa 17 encontros coa cidadanía, aínda restan outros 10, que terán lugar entre os días 13 e 28 deste mes. A concelleira destacou que, aínda que até o de agora a maioría das xuntanzas tiveron lugar en centros cívicos, “algúns dos que quedan celebraranse noutros escenarios, como a Biblioteca Municipal Durán Loriga, o instituto Eusebio da Guarda, ou a Federación Provincial de Anpas dos Centros públicos”. Delso convidou a toda a cidadanía a participar nestes últimos encontros, onde se tratará de analizar os límites dos distritos da zona centro e do barrio de Pescadería e Monte Alto, ademais dos de Elviña e o campus universitario entre outros.
“Unha vez que rematen estes encontros, organizaranse outros con diversas entidades e colectivos da cidade que teñen moito que opinar, polo seu día a día, sobre este proceso de delimitación de distritos, como é o caso do empresariado da Coruña ou o sector do taxi”, dixo Delso, que recordou que, non obstante, aquelas e aqueles que o desexen poderán seguir participando de xeito on line .











