Unhas 1.000 persoas participan no programa “Coñece a túa provincia” da Deputación de Pontevedra
No marco do programa “Coñece a túa provincia”, que a Deputación de Pontevedra está a impulsar a través dos servizos sociais desde 2008, 110 integrantes do Centro Sociocomuntario de Vigo visitaron esta mañá as instalacións da Deputación de Pontevedra (Pazo provincial, palacete das Mendoza, Museo de Pontevedra, pazo de Lourizán e castelo de Soutomaior).
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que recibiu o grupo no Pazo provincial, destacou a importancia de programas coma “Coñece a túa provincia”, xa que impulsa “a dinamización económica e social da provincia de Pontevedra ao tempo que contribúe ao enriquecemento cultural, ao fomento da convivencia e o asociacionismo e pon en valor os principais recursos turísticos da provincia, contribuíndo así ao seu desenvolvemento económico”.
No programa “Coñece a túa provincia” participan entidades de iniciativa social da provincia de Pontevedra (de maiores, mulleres, mozos, persoas con diversidade funcional, veciños, familias e menores) que, a través dunha xornada de convivencia que inclúe traslados en autocar, guías informativas, seguro de viaxe, manutención e visitas, percorren lugares emblemáticos das Rías Baixas. Estas entidades poden escoller entre 18 rutas que inclúen visitas aos edificios da Deputación de Pontevedra e a concellos coma A Estrada, A Guarda, Arbo, Baiona, Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo, Covelo, Cuntis, Forcarei, Lalín, Meaño, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario, Nigrán, O Grove, Poio, Portas, Redondela, Ribadumia, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda ou Vigo.
Esta fin de semana participarán no programa “Coñece a túa provincia” preto de 1.000 persoas de asociacións procedentes da Estrada (Asociación de Mulleres Rurais “A Torre da Barreira” de Riobó), Caldas de Reis (Asociación Sair pola Igualdade), Crecente (Asociación de Veciños do Freixo), Marín (Asociación de Mulleres “O Abeiro”), Mos (AA. VV. Petelos), Poio (Mulleres en Igualdade), Ponteareas (Asociación de Mulleres Ponteareanas “Vila do Corpus”), Pontevedra (Sociedad Española de la Camelia), Vigo (Asociación da Terceira Idade Quiñones de León, UVCD. Candeán e Monteina Danzas do Mundo) e Vilanova de Arousa (Asociación Cultural Camiños Históricos do Salnés).











