Unha exposición fotográfica en Vilagarcía ofrecerá a visión máis artística das enfermidades reumatolóxicas
A Liga Reumatolóxica Galega en colaboración coa Concello de Vilagarcía de Arousa, organiza a exposición fotográfica LIGAFLASH co obxectivo de dar visibilidade a todas as persoas que sofren unha enfermidade reumática. A mostra, que ofrece unha visión artística do que son é supoñen este tipo de enfermidades na vida cotiá de quen as padece, poderase visitar a partir do venres pola tarde no recibidor da Casa da Cultura de Rei Daviña. A inauguración será ás 18:00 horas e media hora despois comezará unha xornada informativa na que participarán doutores, terapeutas e doentes.
En Galicia o 40 % da poboación sofre unha enfermidade reumática, actualmente existen 250 enfermidades reumáticas, as máis coñecidas (artrosis, artritis, espondilitis, artritis idiopática xuvenil, etc.); e unha das enfermidades que causan maior absentismo laboral e incapacidade. Por esta razón é importante alertar aos galegos desta realidade con iniciativas como esta exposición e as campañas de prevención e información.
A exposición está composta por 24 fotografías feitas por doce fotógrafos galegos dende ópticas diferentes pero con un denominador común: amosar o mundo do enfermo reumático dende unha óptica plástica, vital e esperanzadora, non só patolóxica. A exposición pretende ser unha chamada de atención coa que achegar a toda a poboación até o enfermo reumático. Outro obxectivo, e non menos importante, é que moitos afectados poidan sentirse representados e busquen mellorar a súa calidade de vida social, laboral e familiar, lonxe da exclusión que causan este tipo de enfermidades.
Paralelamente a exposición organizarase unha xornada que tratará as “Enfermidades Reumáticas: signos, síntomas e tratamentos”, ás 18.30 horas, da man da doutora Noelia Álvarez Rivas; a terapeuta ocupacional Lucía Fernández; e a paciente esperta da Liga Reumatolóxica Galega, Ana Isabel Álvarez Lojo. O vicepresidente da Liga Reumatolóxica Galega, Xosé Lois Romero Docampo, será o encargado de presentar o acto.











