Unha estrutura de formigón e un cubo de cristal negro darán nova imaxe ao control de acceso de Príncipe Felipe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O acceso á Cidade Infantil Príncipe Felipe non só mellorará coa instalación dunha glorieta que permitirá reordenar o tráfico na zona; a Deputación prevé tamén a renovación total da imaxe da entrada ao centro, coa colocación dun dobre control de acceso e a creación dunha área de estacionamento temporal e unha nova praza (de prioridade peonil) que servirá de antesala ao edificio principal. Así mesmo, substituirase o actual enreixado de barrotes que rodea a instalación por unha pantalla-muro de vexetación, co obxectivo de eliminar o efecto “cárcere” e crear un ambiente máis adecuado para os menores.

Como xa indicou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, o proxecto foi deseñado polo novo asesor provincial en materia de mobilidade, Jesús Fole, e segue un criterio de máxima calidade urbana en todos os seus aspectos.

En canto ao tráfico rodado o diámetro da nova rotonda terá un máximo de 32 metros no seu punto máis exterior, similar en dimensións á existente no cruzamento das rúas Manuel del Palacio, Rosalía de Castro e Fernández Ladreda. Isto permitirá un radio de xiro amplo para o tránsito de autobuses. A glorieta, con beirarrúas de 3,5 metros de ancho, dará prioridade ao tránsito peonil, con pasos de peóns sobreelevados e perfectamente iluminados con varios puntos de luz en todo o percorrido. Na parte contraria á entrada de Príncipe Felipe crearase un pequeno miradoiro con dous bancos corridos que lles permitirán aos cidadáns, aproveitando as excelentes vistas, sentarse neles para mirar o val da zona.

O elemento central da glorieta será un gran báculo de luz que posibilitará unha iluminación cenital de toda a área. Este elemento estará rodeado dunha zona axardinada; aínda está por decidir se haberá un montículo central ou a rotonda será plana, xa que hai que ter en conta a súa instalación nunha zona de semipendente.

Dobre control de acceso

A parte máis vistosa da reforma da zona será a do novo acceso aos edificios. O actual enreixado que rodea as instalacións substituirase por un muro vexetal de arborescentes, que creará unha pantalla verde en toda a fachada principal co que se eliminará a actual imaxe de “cárcere”. Outra das novidades é a anulación da entrada de acceso directo ao colexio de Educación Primaria e da zona de estacionamento que alí había para crear, no seu lugar, unha gran zona verde.

O novo control de acceso, desde o que se vixiarán todas as entradas e saídas dos edificios da cidade infantil, suporá unha nova imaxe para a institución. Estará formado por unha estrutura de formigón cun cubo central de cristal escuro no que se situará o persoal de seguridade. Haberá un novo rótulo indicativo do nome do centro infantil, así como unha nova sinalización dos edificios interiores para que os visitantes se sitúen no complexo.

Tras pasar o primeiro control, na parte dereita, haberá unha zona de estacionamento temporal para os coches das visitas ou similares; na parte esquerda haberá unha vía que chegará ao CEIP.

Todos aqueles que queiran seguir cara ás demais instalacións do interior da cidade infantil deberán pasar un segundo acceso de paso prioritario peonil; só se permitirá o paso aos vehículos de servizos, posto que inmediatamente despois haberá unha gran praza, concibida como un espazo libre de vehículos que serve de antesala ao edificio principal. Nesa zona eliminaranse tamén as escaleiras que conectan coa área deportiva e substituiranse por unha rampla.

19 de outubro de 2015 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.