Unha compañeira de clase de Asunta asegura que viu a Basterra na rúa coa nena

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

Unha compañeira de clase de francés de Asunta afirmou este luns que está “segura” de que viu a Alfonso Basterra en compañía da nena nunha rúa de Santiago na tarde da morte da menor, na que o seu pai afirma que permaneceu na casa. A moza, que declarou en sala na quinta xornada do xuízo, indicou que coñecía a Asunta dende había varios anos porque acudira varios cursos con ela a clase de francés. Esa tarde, reiterou, viuna nunha rúa próxima á casa da súa nai, en compañía do seu pai, un testemuño do que se mostrou moi firme. “Estou segura de que eran eles”, apuntou.

A moza contou á súa familia que vira a Asunta en compañía do seu pai ao día seguinte, cando coñeceu polos medios a morte da menor. Non obstante, nun primeiro momento non acudiu á Policía con esta información porque non lle deu relevancia.

En relación á tardanza en proporcionar a información -declarou tres meses despois dos feitos-, a nai da moza contou ante o tribunal que tempo despois tiveron coñecemento de que Alfonso Basterra declaraba non saír do seu domicilio esa tarde, pero que tanto ela como o seu pai intentaron “non meter” a súa filla no caso.

“Sempre pensaba que, como ela o vira, igual outra persoa tamén o vira e o contaba e xa non sería necesario”, indicou a nai da moza. Ao ver que isto non sucedía, decidiu ir proporcionar a información.

A MEDIA TARDE

A moza situou entre as 18.21 e as 19.00 horas o momento da tarde do 21 de setembro na que viu a Asunta co seu pai, no cruzamento entre Xeneral Pardiñas e República do Salvador, en dirección á rúa do Horreo, contou.

O momento fíxao un ticket de compra dunhas zapatillas deportivas que adquiriron a testemuña e o seu noivo esa tarde inmediatamente antes de velos e que, segundo se exhibiu en sala, marca as 18.21 horas. A preguntas das partes, a moza non puido precisar o tempo que pasou entre que pagaron e saíron da tenda, aínda que recoñeceu que o cruzamento está a poucos metros.

Neste punto, a avogada de Alfonso Basterra, Belén Hospido, incidiu no feito de que a cámara dunha gasolineira na saída de Santiago gravou a Rosario Porto, supostamente en compañía de Asunta, ás 18.24 horas e puxo en dúbida que a nena puidese viaxar este traxecto neses minutos. Os investigadores defende que Porto recolleunos precisamente na rúa nese momento para dirixirse a Teo.

5 de outubro de 2015 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.