Un total de 16 adegas e 60 marcas da D.O. Rías Baixas protagonizan dous show rooms en Zurich e Xenebra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPontevedra
A-
A+
Showroom en Zurich

Showroom en Zurich

Os viños de Rías Baixas participan dous show rooms esta semana en Suíza. Un total de 16 adegas con 60 marcas desprazáronse até Zúric, cidade relevante da zona germanófona, e Xenebra, cidade máis cosmopolita da zona francofona. Cada unha das xornadas acollerá un show room dirixido a 100 prescriptores do sector e, unha masterclass para un trinta profesionais. A esta cita trasladáronse o secretario Xeral, Ramón Huidobro; e a directora de Mercadotecnia da D.O. Rías Baixas, Eva Mínguez, quen destaca que “Suíza é un mercado relevante para os nosos viños, pois ocupa a oitava posición. Ademais este país é un mercado de viño de calidade por excelencia en Europa, cuxo consumidor valora máis o factor calidade fronte ao prezo e posúe unha profunda cultura vitivinícola”.

Ademais da propia mostra de viños, Germán Muñoz, da empresa Terroir 34, é o encargado de dirixir a Masterclass a unha trintena de profesionais onte en Zúric e farao mañá en Xenebra. A Masterclass iniciouse cunha presentación do terroir de Rías Baixas para despois continuar con explicacións sobre os produtos amparados pola Denominación de Orixe e cunha cata comentada de oito viños presentes nesta importante cita promocional. O obxectivo é ampliar o coñecemento dos viños de Rías Baixas nun mercado relevante como Suíza que xa conta cun plan sectorial propio dentro do apartado promocional da D.O. Rías Baixas.

Esta iniciativa está organizada pola Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Vilagarcía de Arousa, coa colaboración da D.O. Rías Baixas, a través do Programa Acciones Complementarias de Iniciación, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80%). As adegas asistentes tamén tiveron a oportunidade de desenvolver reunións con distintas empresas da zona.

Durante 2014, Rías Baixas exportou un total de 5.387.284 litros (7.183.045 botellas), que en valor alcanzaron 28.340.946 euros, que supón un 28% da produción do pasado ano. Ademais, das 170 adegas que integran esta denominación, 89 xa están en plans de exportación.  Suíza ocupa a oitava posición, con 115.425 litros e 640.197,14 €, dos máis de 60 países aos que vende Rías Baixas.

20 de outubro de 2015 | 20:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.