Un simulador amosará en Pontevedra que se sinte ao volcar un coche no Ciclo 0 Violencia Viaria
Saber que se sinte ao volcar un coche. É a experiencia que poderán ter todas aquelas persoas que se suban no simulador Michelín de volco que estará mañá no acceso a Escola de Forestais do campus universitario, de 9 a 21 horas e xoves (de 10.30 a 14.30 e de 16 a 18 horas) na praza de Ourense. Nesta segunda xornada, os alumnos do IES Carlos Oroza montarán e atenderán unha carpa de degustación.
O simulador reproduce un volco de coche circulando a 20 km/hora. A actividade forma parte da Campaña 0 Violencia Viaria (Ciclo 0VV!) posta en marcha polo Concello de Pontevedra para dar un paso máis no eido da educación viaria co obxectivo de acadar a taxa cero en vítimas mortais e mellorar a convivencia de peóns, ciclistas e condutores. O Ciclo 0VV vai dirixido aos estudantes universitarios aínda que as súas actividades están abertas ao público en xeral.
A xornada de mañá completarase cunha conferencia-coloquio, ás 18 horas, na sala de xuntas da Escola de Forestais sobre “Que te metes antes de conducir?”. Pola súa banda o xoves a Casa das Campás acollerá, a partir das 11 horas, dúas charlas sobre “Psicoloxía na condución: reto material e emocional constante” e sobre “Metrominuto, mellor a pé”.











