Un motorista resulta ferido grave tras caer da moto en Vigo e chocar cun coche
Un mozo de 20 anos resultou ferido grave ao caerse da motocicleta que conducía e chocar posteriormente cun turismo que circulaba pola mesma vía, concretamente pola estrada de Valadares, en Vigo. Segundo informou a Policía Local, o accidente ocorreu sobre as 0,50 horas do sábado á altura do número 438 da estrada de Valadares, cando o motorista caeu e chocou cun turismo conducido por un home de 52 anos.
Doutra banda, durante a Ponte do Pilar axentes da Policía Local imputaron senllos delitos contra a seguridade viaria a dous condutores. O primeiro dos feitos, ocorreu ás 23,05 horas deste luns na avenida de Beiramar.
Alí, efectivos comprobaron que un home de 31 anos, con iniciais C.J.P.G., circulaba sen permiso de conducir e baixo os efectos das drogas, pois ao practicarlle a proba de tóxicos deu positivo en THC ‘cannabis’.
Ademais, ás 4,50 horas deste martes na avenida do Aeroporto con Puxeiros foi localizado outro condutor, un home de 63 anos que responde as siglas H.L.M., quen na proba de alcoholemia arroxou un resultado positivo de 0,74 e 0,70 mg/l.











