Un grupo de alumnos de Santiago realizarán un intercambio cun centro de Salamanca
Trátase da décimo primeira edición deste programa que, por primeira vez, inclúe a estudantes de secundaria. O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou esta mañá a décimo primeira edición do programa Aula de Patrimonio que pretende que o alumnado que vive e estuda en calquera das quince Cidades Patrimonio aprendan o significado que ten esta distinción que outorga a UNESCO.
Como principal novidade este ano, o programa amplíase a estudantes de secundaria. Os centros que estean interesados en participar deben solicitalo antes do 30 de novembro achegando, xunto coa folla de inscrición, un guion de traballo relacionado co patrimonio. O grupo seleccionado deberá entregar o traballo completo antes do 15 de febreiro.
O grupo seleccionado viaxará a Salamanca no mes de marzo acompañado de dous profesores. Do mesmo xeito, os estudantes salmantinos virán a Santiago a coñecer a cidade. Preténdese que a clase elixida como anfitrioa realice un labor de guía cultural do alumnado visitante, ao que lle amosará as características e singularidades de Compostela.
A actividade é gratuíta, a cargo do Grupo Cidades Patrimonio.











