Un convenio de colaboración coa Xunta permitirá reformar e adecentar a segunda planta do Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Na sesión da Xunta de Goberno Local desta mañá aprobouse a sinatura dun convenio de cooperación entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense para a remodelación da planta segunda da Casa Consistorial. En virtude deste convenio, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia cooperará mediante a achega de 47.317,54 euros, que supón o 80% do orzamento total do proxecto de remodelación. As obras comezarán de inmediato.

O Concello de Ourense expuxo a necesidade de acometer obras de remodelación da planta segunda da Casa do Concello polas deficiencias existentes no interior do edificio. As obras de acondicionamento resultan imprescindibles e necesarias para o normal funcionamento da entidade local e a prestación dos servizos municipais, obtendo tamén un mellor aproveitamento da superficie existente, dotando ao Concello dunha serie de espazos e áreas de traballo das que hoxe carece e que precisa, congruente coa súa vocación de servizo público. Ademais, deste xeito suporá un aforro dado o gran número de alugueres que paga o Concello para acoller distintas dependencias, cando a segunda planta está practicamente baleira.

Na mesma sesión aprobouse o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, tres vehículos para a Policía Local en réxime de renting (arrendamento + mantemento) por 4 anos. Total: 152.799,84 euros (38.200 euros por ano).

Fóra da orde do día, deuse conta do programa do Partido Solidario por Siria, organizado polo Concello, que se celebrará o mércores 14 no Pavillón dos Remedios.

Tamén se trasladou o informe de traballos feitos pola brigada de Conservación de mobiliario urbano e Perímetro Rural, Medio Ambiente e Conservación de vías en diversas zonas do municipio , dado o estado de abandono   en que se atopaba tanto as zonas verdes ( zonas de xogo, parques e xardíns) coma o mobiliario urbano da cidade. 

Neste apartado, tamén se cuantificaron as 80 peticións, formuladas a través das redes sociais do alcalde dende o 1 de agosto (data na que empezou a traballar o persoal de gabinete canalizando dita información) e que foron  resoltas. A meirande parte delas foron desbroces, mobiliario urbano, losetas das beirarrúas, estado de contedores e limpeza, fundamentalmente. A todas as peticións se lles deu cumprida resposta, e nalgúns casos houbo que explicar que as obras non procedían por parte do Concello, ao tratarse de vías doutras administracións, ás que se lle deu traslado das peticións.

No relativo o mobiliario urbano (bancos) en diversas zonas da cidade procedeuse ao arranxo dos mesmos, consistindo os traballos en retirada do banco vello, transporte ao taller e nova colocación unha vez restaurado.

O numero de bancos arranxados e colocados de novo foi de 498 en distintas zonas da cidade.

Procedeuse tamén ao arranxo de reixas consistindo os traballos en saneado e pintado  das mesmas en diversas zonas.

Os metros lineais de varanda metálica arranxada foron de  3000  m/l ( Paseo Rojo) ,  arranxo de varanda de madeira  en , Avda Portugal ( 8 ml)  Oira – Beiramiño (175 ml) e   Area 4 ( 30 ml)

Arranxo do espazo deportivo de Velle: Debido ó estado de abandono que sufría dito espacio, realizáronse distintas labores de mantemento entre as que caben salientar  o pintado das gradas 550 ml e xogos populares (Chave 98 m²  )

Tamén se realizou a reparación dunha ponte de madeira deteriorada en Portovello e traballos de mellora ambiental do arborado urbano, coa tala de 13 árbores (exemplares perigosos) e mellora do solo de cultivo de 29 árbores no Xardín do Posío (12.500 €)

8 de outubro de 2015 | 13:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.