Últimos días para visitar en Santiago a exposición “Trazos do Pasado”
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) mantén aberta ao público até o 15 de outubro no Colexio de Fonseca (Praza de Fonseca, 2, Santiago de Compostela) a exposición “Trazos do Pasado”. A mostra, producida polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), pódese visitar, gratuitamente, en horario de luns a sábado de 09.00 a 21.00 horas. Consta de 66 paneis en galego e inglés coas súas correspondentes fotografías que explican e ilustran o uso das novas tecnoloxías e ferramentas para a localización e investigación de sitios arqueolóxicos, prestando especial atención a Galicia.
“Céntrase, sobre todo, nas tecnoloxías non invasivas, é dicir, aquelas que permiten localizar, recoñecer e explorar sitios arqueolóxicos (desde xacementos individuais a amplos conxuntos monumentais) sen necesidade de intervir directamente sobre eles e, mesmo, sen necesidade de percorrer o terreo” explica César Parcero-Oubiña, científico do CSIC no Incipit e responsable da exposición. Divídese en dous grandes bloques, nun dos cales se presenta o uso arqueolóxico das fotografías aéreas modernas e antigas, as imaxes de satélite, o escaneado láser LIDAR e as técnicas de prospección xeofísica, mostrando casos concretos do seu uso en sitios arqueolóxicos de Galicia. O outro bloque ofrece unha serie de espectaculares imaxes de gran tamaño con exemplos de diferentes sitios e paisaxes arqueolóxicas mostrados a través destas técnicas.
Así, por exemplo, a exposición explica e mostra con fotografías como se empregaron estas tecnoloxías para estudar as fortificacións da época moderna do baixo Miño, para coñecer as partes enterradas de túmulos funerarios prehistóricos en Irlanda, para analizar as alteracións sufridas por sitios arqueolóxicos co paso do tempo en Galicia ou para documentar e estudar os escenarios bélicos das dúas guerras mundiais Europa. É unha das accións do proxecto europeo “ArchaeoLandscapes”, financiado pola Unión Europea e que se iniciou en 2010. Participaron 73 universidades, museos e centros de investigación de Europa –o único representante español foi o Incipit- e Norteamérica.
“O obxectivo do proxecto, que acaba de concluír, era equilibrar a desigual aplicación en Europa das novas e modernas técnicas de prospección, fomentando un uso máis regular das mesmas. Ademais, tamén tiña como cometido crear unha rede autosuficiente para apoiar e promover o uso en Europa da arqueoloxía aérea e a detección remota como forma de mellorar a comprensión, conservación e uso público das paisaxes arqueolóxicas e o patrimonio arqueolóxico na Unión Europea”, explica César Parcero-Oubiña, responsable da participación do Incipit en devandito proxecto.











