Últimos días para participar no concurso fotográfico para o Calendario da Coruña do 2016
O vindeiro domingo, día 25, remata o prazo de recepción de traballos do concurso fotográfico “Calendario Municipal 2016”, dirixido a seleccionar as 12 fotografías actuais que formarán parte do calendario municipal do ano vindeiro, xunto a outras 12 imaxes antigas en branco e negro. O tema desta edición, “A xente da Coruña”, buscar reflictir xuntanzas e espazos comúns onde se xuntan as veciñas e veciños da cidade.
Cada participante poderá enviar un máximo de tres fotografías, que terán que ser a cor e haberán de realizarse dentro do termo municipal da Coruña, até o domingo ao enderezo de correo electrónico concursofotografico@coruna.es indicando no asunto “Concurso calendario municipal 2016”. No correo electrónico, o autor ou autora deberá indicar o seu nome e apelidos, DNI, dirección postal e teléfono de contacto, e tamén, os arquivos das fotografías terán que estar identificados co nome da persoa participante. Os traballos poden enviarse como adxunto ou través de We Transfer e, en caso enviar máis dunha foto, deberán remitilas nun arquivo Zip.
O xurado (formado polo alcalde, Xulio Ferreiro, tres concelleiros e concelleiras, e tres membros do Colectivo Fotoxornalistas Coruñeses) seleccionará 12 fotografías de 12 persoas diferentes e, se o así estima por cuestión de calidade, unha fotografía para a primeira páxina. Tamén poderá declarar desertos un ou varios premios. O fallo, que será antes do 1 de novmebro, será inapelable, tal e como indican as bases que poden consultarse na portada da web municipal www.coruna.es











