publicidade hoxe

Últimos días para apuntarse no programa “Sansa xove: o novo rural”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Este martes 27 de outubro expira o prazo para presentar a solicitude de inscrición no programa “Sansa xove: o novo rural”, dentro do que se oferta un curso de 180 horas de duración sobre agricultura ecolóxica. Vai dirixido a mozos e mozs de entre 16 e 35 anos co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade -ben por conta propia ou ben por conta allea- nunha actividade con grandes posibilidades de futuro. De feito, a agroecoloxía foi a única parte do sector primario que medrou nos últimos anos, incluso nos momentos máis duros da crise económica. Unha tendencia que continúa e que ten no comercio de proximidade e sen intermediacións un dos seus principais aliados. En calquera caso, para apuntarse neste curso que conta con finanzamento da FEMP e do INJUVE hai que dirixirse á Oficina de orientación laboral ou ben á de Desenvolvemento local facéndolles chegar a ficha de solicitude que hai ao pé desta nova.

“Sansa xove: o novo rural” é un proxecto deseñado polas áreas de Emprego e Desenvolvemento Local que ten como obxectivos a concienciación da mocidade con idades entre 16 e 35 anos sobre as oportunidades laborais que ofrece o medio rural, contribuír ao asentamento da xente nova no territorio, mellorar o coñecemento e as habilidades deste ámbito da poboación para adaptarse ao mercado laboral, o fomento do uso das TIC como ferramenta de aprendizaxe para o traballo e, por último, prestarlles servizos de orientación laboral e asesoramento para o emprendemento. 

Estes contidos abordaranse nun curso centrado na agricultura ecolóxica que se desenvolverá desde o 3 de novembro ata o 15 de decembro. Serán 180 horas que tratarán a prevención de riscos laborais na agricultura, a comercialización e venda electrónica, a transformación e obtención de maior valor engadido e varios módulos transversais, como son o de busca de emprego, o de emprendemento e o de igualdade. Porén, o groso do programa ocuparase das técnicas empregadas na produción de alimentos ecolóxicos e, nomeadamente, na agricultura, na fructicultura, na apicultura e na avicultura. 

Hai 15 prazas dispoñibles e a prioridade de acceso establecerase atendendo a perfís con baixa ou nula cualificación, persoas demandantes do primeiro emprego e pola antigüidade como demandantes, tendo as mulleres preferencia no caso de empate.

O curso -que non conleva achega económica para as persoas participantes- comezará o 30 de outubro e finalizará o 18 de decembro en horario de 8.30 a 14.00h. de luns a venres. O prazo de inscrición remata este martes, 27 de outubro, e deberá facerse enchendo o formulario dispoñible na web municipal que despois se deberá remitir cuberto a orientacion.laboral@sansadurnino.gal ou a desenvolvemento.local@sansadurnino.gal.

Outra opción é pasar polo Concello e apuntarse de forma presencial, tanto na Oficina de Emprego e Desenvolvemento local como na de Orientación laboral. Hai máis información chamando ao 981 490 027 (ext. 2).

A iniciativa “Sansa xove: o novo rural” levarase a cabo coa colaboración da Asociación Agroecolóxica A Cortiña, creada o ano pasado co obxectivo de mellorar a formación no referido á agricultura ecolóxica e ofrecer asesoramento na posta en marcha de experiencias agrogandeiras. Sansa xove conta, ademais, con financiamento da Federación Española de Municipios e Provincias e do INJUVE dentro dunha convocatoria de subvencións para proxectos que fomenten a capacitación e a inserción da xente nova no mercado laboral. 

Charla sobre o Programa de Garantía Xuvenil

O programa de Garantía Xuvenil en Galicia enmárcase dentro da Estratexia de Emprendemento e Emprego Xoven. Vai dirixido a persoas con idades comprendidas entre 16 e 29 anos e con el preténdese garantir a igualdade de oportunidades no mercado laboral. Tamén se busca ofrecer experiencia laboral, formación ou cursos de idiomas e TIC. O programa contempla actuacións para mellorar a empregabilidade, facilitar a inserción no ámbito laboral, promover o emprendemento e mellorar a situación da mocidade dentro do mercado de traballo.

Para informar sobre este programa, este luns desenvolverase na Aula CeMIT unha charla informativa para a que se require inscrición previa, ben a través do teléfono 881 995 700 ou mediante o correo cemit.sansadurnino@xunta.es. A charla durará arredor de 45 minutos.

23 de outubro de 2015 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.