Último aviso do Concello de Curtis antes de proceder á limpeza forzosa de 17 leiras urbanas
O Concello de Curtis notificou a 17 propietarios de leiras urbanas a obrigación de limpar os seus solares en cumprimento da normativa vixente en materia de prevención de incendios e de salubridade pública. Este aviso, mediante anuncio no BOP e no taboleiro de edictos, é o paso seguinte á apertura dun expediente de execución co que se instou a 90 propietarios de leiras urbanas de Curtis e a 39 de Teixeiro a proceder á roza dos seus solares. Desa notificación, aínda quedan pendentes de cumprir coa normativa este grupo de 17 veciños, aos que se lles deu un prazo dun mes para a limpeza dos seus terreos lembrándolles que esta última resolución pon fin á vía administrativa.
Unha vez que se esgote este último prazo, o Concello dispón de dúas vías de actuación, ou ben a execución subsidiaria a costa do propietario ou a execución forzosa mediante a imposición de multas que oscilarían entre 300 e 600 euros, reiterables ata que se consiga a limpeza dos solares en deficiente estado.
Contra a presente resolución, os afectados poderán interpor un recurso de reposición no prazo dun mes desde a recepción da notificación, ou interpor directamente un recurso contencioso administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte a recibir o aviso municipal.