Ucraína toma a experiencia galega como referente para crear o Banco de Terras máis grande de Europa

Ángeles Vázquez na reunión coa delegación de Ucraína. Foto: A. Varela
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, recibiu esta mañá na sede da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a unha delegación de representantes do Goberno de Ucraína que están en territorio galego co fin de coñecer o funcionamento do Banco de Terras.
Esta visita enmárcase dentro dun proxecto de colaboración entre países membros e países candidatos ao ingreso na Unión Europea. Neste caso, os integrantes deste proxecto Twinning son Alemaña, Holanda, Lituania e Ucraína como país candidato. A delegación ucraniana está integrada por membros da Axencia Estatal de Recursos da Terra, que depende do primeiro ministro dese país, e ten por finalidade coñecer a experiencia e enfoque que ten Agader en materia de mobilidade de terras.
Ucrania, coñecida como o “celeiro de Europa” conta cunha superficie de Terras agrícolas de 415.000 km2, o equivalente ao 80% da superficie total de España, e está a levar a cabo distintas iniciativas co fin de crear un gran banco público de Terras para promover o seu arrendamento. Elixiron Galicia para coñecer in situ as nosas experiencias na materia.
A conselleira do Medio Rural destacou na súa intervención que a mobilidade de terras é un eixo estratéxico na política agraria galega e que conta cun instrumento específico –o Banco de Terras– que xunto co seu capital humano, os procedementos deseñados e o desenvolvemento tecnolóxico, fan del un caso singular no territorio español.
Os membros da delegación ucraína interesáronse na visita por unha das ferramentas máis importantes coas que conta o Banco de Terras, o SITEGAL (Sistema de Información Territorial de Galicia). Tal e como lles explicou a conselleira, este instrumento é froito da colaboración entre Agader e a USC e constitúe un avance de gran importancia, incluso a nivel europeo, na aplicación das novas tecnoloxías en información xeográfica e xestión documental ao campo da ordenación das terras Agrarias.
A conselleira agradeceu o interese amosado por coñecer o funcionamento da axencia en materia de xestión de terras e poder establecer así ferramentas de cooperación co fin de compartir coñecementos e contribuír coa nosa experiencia na creación dun gran banco de terras europeo.











