publicidade hoxe

Turismo de Galicia aposta pola innovación para aumentar a competitividade do sector nos mercados internacionais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Grove
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia participou esta mañá no evento de presentación dos novos servizos do Talaso Hotel Louxo La Toja que posicionan a Galicia como referente tecnolóxico no sector turístico a nivel nacional. Ao acto asistiron tamén Alfonso Cabaleiro, xerente de Galicia Calidade; Jose Antonio Cacabelos, alcalde do Grove; Emma Torres, concelleira de Turismo do Grove; Luciano Martínez, portavoz do Consello de Administración do Talaso Hotel Louxo A Toja e Laura Fernández, directora do mesmo, ademais de operadores e responsables do sector turístico.

O proxecto presentado, que combina tecnoloxía e eficiencia, ofrece un conxunto de servizos personalizados e innovadores para que os clientes, ademais de disfrutar da súa estancia, podan comunicar a súa experiencia e interactuar con outros clientes.

A directora de Turismo de Galicia destacou durante a súa intervención que un dos retos para o turismo na comunidade é o afianzamento dun sector turístico galego competitivo, proactivo, innovador e coordinado, con visión internacional.

Neste senso, Nava Castro explicou que unha das seis liñas estratéxicas que inclúe o Plan Integral de Turismo de Galicia está orientada ao fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías para acadar un sector competitivo e un destino intelixente.

Así, a responsable de Turismo da Xunta afirmou que dende a administración turística galega apóstase pola innovación con iniciativas como o desenvolvemento da Plataforma Tecnolóxica de Turismo de Galicia ‘Smart Turismo’ ou o impulso á creación de destinos intelixentes ‘Smart Destinations’.

Segundo explicou, Nava Castro, de igual xeito, a tecnoloxía está presente tamén noutras liñas de acción como a que estase a impulsar no Camiño como eixe vertebrador da oferta turística de Galicia a través da creación do ‘Smart Camiño’.

“Sen dubida, a aposta pola innovación é fundamental para facer avanzar o sector turístico galego e para incrementar a nosa cota de competitividade nos mercados internacionais”, sinalou.

Galicia, destino termal

O Hotel Talaso Louxo foi o primeiro centro de talasoterapia de Galicia o que impulsou a gran tradición milenaria vinculada ao termalismo que posúe a nosa comunidade.

Neste senso, Nava Castro destacou que, grazas á colaboración público-privada, Galicia ocupa a primeira posición en canto a número de establecementos balnearios a nivel nacional e tamén é a comunidade con mais establecementos certificados co Q de Calidade Turística.

A directora de Turismo de Galicia fixo referencia ao Plan Termal, un plan específico que ten por obxecto fortalecer o sector turístico termal da provincia de Ourense e a consolidación e posicionamento de Galicia como destino termal global.

Segundo sinalou Nava Castro, grazas as iniciativas postas en marcha ao abeiro do plan, o turismo termal está a converterse nun dos baluartes da nosa comunidade.

Cifras históricas

Por outra parte, a responsable de Turismo da Xunta afirmou que, grazas a iniciativas como a emprendida polo Talaso Hotel Louxo, a Ría de Arousa, en particular, e Galicia, en xeral, están logrando cifras históricas tanto de viaxeiros como de pernoitas.

Nos primeiros oito meses deste ano 2015, os establecementos hoteleiros enclavados na Ría de Arousa rexistraron mais de 317 mil viaxeiros, o que supuxo un incremento do 10,8% en relación ao mesmo período do pasado ano. Esta mellora tamén se produciu nas pernoitas que se situaron por riba das 946 mil, un 14,9% máis que as rexistradas nos primeiros oito meses do 2014.

Ademais, segundo sinalou Nava Castro, este aumento da demanda traduciuse nun incremento da ocupación de case 7 puntos porcentuais.

21 de outubro de 2015 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.