Tragsa iniciará a segunda fase de rexeneración da praia do Preguntoiro
A esperada segunda fase de rexeneración da praia do Preguntoiro iniciará o mércores, 4 de novembro. Tragsa comunicou ao Concello que o aporte de áridos comezará definitivamente ese día despois dos sucesivos aprazamentos concedidos para que as mariscadoras tivesen tempo a retirar todo o marisco da zona e evitar así a súa perda.
Garantizada a retirada do recurso marisqueiro e, por tanto, sen que o colectivo de mariscadoras se vexa prexudicado pola actuación, Vilaxoán poderá por fin ver resolto o problema de falta de area que padecía a zona sur do Preguntoiro por tela levada o mar nos últimos anos.
O alcalde, Alberto varela, xa comunicou ao patrón maior da Confraría Virxe do Rosario os plans de Tragsa. Ademais, a empresa pública púxose a disposición do pósito para coordinar o inicio dos traballos pola zona que máis lle conviñese ao colectivo de mariscadoras.
Costas do Estado acomete e financia esta nova actuación de rexeneración no Preguntoiro. A medida suporá un investimento de 112.000 euros e o aporte de 6.625 metros cúbicos de area de canteira. Trátase de material de canteira de moi boa calidade, segundo avalan dende Costas, e cunha granimetría moi axeitada e cos óptimas condicións para o marisqueo.
A actuación tamén corrixirá o forte desnivel que hai na zona e servirá para reforzar o atractivo turístico do Preguntoiro, que xa goza de bandeira azul e que en moi pouco tempo se converteu nun referente do lecer de centos de persoas, especialmente dos máis novos. A rexeneración era unha medida moi demandada polos vilaxoaneses xa que a praia estase amosando como un importante elemento dinamizador da economía da localidade.
Despois dos aprazamentos logrados para garantir a retirada do marisco, Tragsa terá que efectuar a rexeneración sen máis dilación, xa que a obra debe estar rematada e o investimento xustificado ante o Ministerio antes do día 21 de novembro. Isto permitirá que a area vaia repisando e lavándose durante o inverno para presentar a súa mellor cara para a próxima temporada de baño.











