Soutolongo será a parroquia encargada de organizar a XVII Matanza Tradicional do Porco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

Os veciños e veciñas da parroquia de Soutolongo serán os encargados de organizar a celebración da próxima Matanza Tradicional do Porco que ten lugar cada ano de xeito paralelo á Feira do Cocido e que chega xa á súa XVII edición. Así o comunicou o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, coincidindo co encontro veciñal que mantivo onte á noite cos habitantes da devandita parroquia. A data provisional que se valora para a celebración da festa é o domingo, día 17 de xaneiro, dúas semanas antes da Feira do Cocido.

Rafael Cuíña agradeceu a “boa disposición amosada pola veciñanza de Soutolongo logo de propoñerlle a posibilidade de organizar a matanza”, unha iniciativa “que dende un principio   acolleron con especial receptividade e ilusión”, explicou. Polo momento non se decidiu a zona da localidade na que se celebrará a festa, cuestión que elixirán os propios cidadáns e que quedará definida ao longo dos próximos días. Con todo, Soutolongo conta con varias zonas amplas e de beleza singular, apropiadas para acoller a Matanza do Porco. 

Este festexo trata de potenciar as tradicións populares e poñelas en valor a través da recreación do proceso da matanza, que se compón de diferentes tarefas tales como o chamusco, ou o partido do animal para a posterior conservación e consumo. Como cada ano, o evento irá acompañado de diferentes actividades complementarias e da degustación gratuíta de carne de porco, sobremesas de entroido e, en xeral, diferentes produtos da zona. 

27 de outubro de 2015 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.