Silvia Cameán: “Levaremos a Renda Social Municipal a Pleno canto antes”
A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, explicou hoxe ante a prensa as liñas básicas do proxecto de Renda Social Municipal que impulsa o Goberno local da Coruña e que será presentada máis polo miúdo a próxima semana, cando tamén será remitida aos grupos da oposición, para que coñezan o contido exacto desta ordenanza, que conforma unha das principais compromisos de programa do Executivo coruñés. “Articular esta renda parécenos fundamental nun momento de extrema urxencia social onde moitas persoas non teñen garantidos uns mínimos. Realizamos dende o primeiro día un traballo arduo e intenso, traballando de abaixo arriba”, explicou a edil, que quixo destacar a colaboración cos e coas traballadoras sociais do Concello. “Elas son as principais coñecedoras deste traballo e as que nos podían informar dos límites reais que nos podiamos marcar. Tras recibir as súas achegas, seguimos traballando nun documento que agora xa temos listo”, aclarou.
Cameán comentou que a Renda Social Municipal é “unha prestación económica periódica que servirá para todas as persoas que non reciban a Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) ou outras prestacións autonómicas, e que dará cobertura as necesidades máis básicas: alimentación, vivenda, pago de cotas de aluguer, hipotecarias, vestimenta e outro tipo de necesidades”. Aquelas persoas que poidan acceder a esta prestación terán que cumprir unha serie de requisitos, entre eles, “colaborar nun itinerario de inclusión social que elaborará unha traballadora social de referencia”.
As contías que recibirá o solicitante da renda social variarán en función do número de membros que conformen a unidade de convivencia. Nunha unidade cun só integrante se chegará ao 100% do IPREM, mentres que esa porxentaxe se incrementará en 20 puntos por cada membro ata un máximo do 200%.
“A presentación desta ordenanza farase pública a semana que vén, afondaremos un pouco máis neste texto, explicaremos todos os datos que contén e o poremos a disposición da oposición”, explicou Cameán, que sostivo que a súa aprobación en Pleno “debería ser simplemente cuestión de diálogo e de traballo conxunto”. “Entendemos que se o PP e o PSOE están falando estes días da necesidade dun plan de rescate social, e alertan de que vivimos unha situación de emerxencia social, non debería haber atrancos para levar a ordenanza a Pleno e aprobala”, expuxo. “A nosa intención é levar este documento á Cámara cando antes, xa que debería ir en paralelo cos orzamentos”, indicou a concelleira de Xustiza Social, que recordou que a intención do Goberno local é destinar nos presupostos unha partida de tres millóns de euros para esta renda municipal. “Cando antes se aprobe, antes poderemos comezar a axudar a todas as persoas que o precisan”, apuntou.
En canto a moción plenaria do grupo socialista para tratar de sacar adiante un plan de rescate social, Cameán manifestou a súa sorpresa porque “a maioría das iniciativas que propón xa as está a impulsar o Goberno desta cidade. Un exemplo, precisamente é esta Renda Social Municipal que presentamos”. “Entendemos por tanto que esas medidas xa se están a levar a cabo. Non é unha acción responsable por parte da oposición facer un uso electoralista deste tema para conseguir titulares”, valorou a concelleira.
Por outro lado, e a preguntas dos xornalistas, a responsable de Xustiza Social referiuse á inclusión nos orzamentos do próximo ano da partida destinada a abonar parte da paga extra devengada de 2012 dos e das funcionarias e indicou que o Goberno local, “debe dar cumprimento a lei”. A intención do goberno local é o de facer ese pagamento, que en ningún caso se efectuará máis alá de 2016.











