Santiago Futsal recibe a visita do Pozo Murcia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Mañá espérase no Multiusos Fontes do Sar un deses partidos que ten á afección enganchada os 40 minutos, entretido e de moita expectación. E é que os de Santi Valladares reciben a El Pozo Murcia, equipo ao que se lle dá ben a pista de Sar, pois nas súas 13 visitas en Liga en todas elas conseguíu puntuar, pero non sen esforzarse ao máximo por superar a unha escuadra santiaguesa que xamais pon as cousas fáciles na súa pista.

Santiagueses e murcianos veranse as caras mañá nun encontro ao que chegan en situacións moi diferentes. Santiago Futsal, que ocupa a 13ª praza da clasificación, con só dous puntos na súa conta, está igualado co 14ª e o 15º e a só dous puntos do 8º clasificado. Pola súa banda, El Pozo Murcia é 3º, a cinco puntos do líder, pero que xa disputou un partido máis (encontro adiantado da 10ª xornada Palma Futsal vs Movistar Inter).

Os de Santiago chegan a este encontro despois de cultivar dous empates e dúas derrotas nas catro xornadas de Liga disputadas. Tras os empates consecutivos ante Peñíscola FS e Magna Gurpea, con idéntico resultado 4-4, e a derrota ante Movistar Inter (2-4), a pasada xornada cederon en Valencia 2-3 nun partido completamente aberto e no que os de Santiago merecéronse moito máis do traído de terras levantinas.

Pola súa banda, El Pozo Murcia sumou 10 puntos nas xornadas que levamos disputadas, con vitorias ante Jumilla B.Carchelo, Catgas E.Santa Coloma e Peñísola RehabMedic e un empate ante Jaén Paraíso Interior.

Esta será a 13ª ocasión en competición ligueira na que o conxunto murciano visite o feudo compostelán. Aínda que é certo que nas doce visitas anteriores en Liga ao Multiusos conseguíu puntuar (11 vitorias e un empate), non foi así na eliminatoria de Play Off da tempada 12/13, nun encontro no que os de Santiago impuxéronse por 6-4 nos últimos minutos de partido. No encontro de Liga da tempada pasada, o resultado foi de 3-5. A pesar dos tantos de Dani Chino e Gallego, El Pozo Murcia levaría a vitoria grazas aos tantos de Bebe e Raúl Campos, este dende o punto de dobre penalti nos últimos segundos do encontro.

Santiago Futsal afronta o encontro de mañá con todos os seus efectivos dispoñibles, a excepción de David Palmas, que se atopa nas últimas semanas de recuperación da lesión do recto anterior da súa perna esquerda; Pablo Tallón, que foi operado o pasado luns da luxación do ombreiro dereito; e Juanjo Catela, que segue adestrándose á marxe dos seus compañeiros.

Rolda de prensa

Santi Valladares acudíu esta mañá a rolda de prensa ante os medios de comunicación previa ao encontro de mañá. O técnico do Santiago Futsal dixo “Se me prantexo que fai falla unha vitoria e vén un rival como El Pozo Murcia, penso que lle imos a gañar. Sabemos que El Pozo Murcia é un equipo moi complicado de bater. Ten un grandísimo adestrador e é un equipo que conta cunha gran diferenza con respecto aos outros dous grandes, e é que no seu equipo ten moita canteira e de moita calidade. Juampi, Alex, Lolo Suazo, Bebe, son xogadores moi importantes xa no equipo, que saben perfectamente ao que xogan e que están rodeados de 4 veteranos que fai que El Pozo Murcia sexa o rival duro que é.”

En canto ao partido que terá que facer o Santiago Futsal se se quere levar a vitoria, Valladares dixo “Temos que ser moi orgullosos na defensa dun para un, e a partir de aí buscar cobertura máis ou menos pronunciadas dependendo da situación que se estea producindo no campo. Ademais temos que ser moi orgulloso na defensa de 1×1, xa que eles teñen xogadores cun 1×1 moi determinante e a perna cambiada, como Miguelín, Raúl Campos, Adri, Alex… e iso desequilibra moito os partidos”.

Valladares referiuse á actual situación do equipo, que aínda non acadou sumar a primeira vitoria, pero que non preocupa ao conxunto celeste “Estamos moi tranquilos. Sabemos que isto é cuestión de rendemento e que o unico que valen son as vitorias, pero equipo está a traballar moi ben. En Peñíscola, no primeiro partido de Liga, o equipo deu a cara, remontou un 4-1 en contra e empatamos 4-4. Ante Magna Gurpea estivemos débiles a primeira parte, pero na segunda remontamos e fixemos un bo partido. Contra Movistar Inter o equipo deu perfectamente a cara. Movistar Inter viña con todo o que ten e nós tiñamos un cuarteto fóra por lesión e a cláusula de Pablo Mel. Ao final eles gañáronnos con dúas accións claras de falta..  E no último encontro, ante Levante UDDM corriximos erros defensa, pero non estivemos acertados na finalización. Unha vez logremos ensamblar o defender ben co acerto na finalización, gañaremos partidos e o equipo irá para arriba porque o equipo está a traballar ben.”

O xogador canteirán, Quique Gómez, tamén asistíu a rolda de prensa e falou do seu debut co primeiro equipo “Nun primeiro momento eu non esperaba xogar no primeiro equipo. A min o que me mandaron foi facer a pretemporada e, por circunstancias, tocoume xogar e tentei render a un bo nivel. Agora teño que cumprir e tentar achegar ao equipo que é o que temos que facer”.  Quique tamén engadíu “Cando cheguei aquí, hai 3 tempadas, non me imaxinaba poder chegar ao primeiro equipo. Se é certo que cando chegas ao Santiago Futsal procedente doutro equipo, vés con moita ilusión e o soño de poder chegar algún día ao primeiro equipo.”

En canto a conseguir a primeira vitoria da tempada mañá ante El Pozo, Quique explicou “Non nos preocupa a primeira vitoria, non é situación que nos angustie. Mañá vén El Pozo Murcia, un grande, pero non asinamos o empate. Nós somos Santiago Futsal, sabemos o que temos que facer, e imos dar a cara ata o último minuto pase o que pase.”

Outra información

O encontro de mañá entre Santiago Futsal e El Pozo Murcia non será retransmitido por streaming debido a problemas loxísticos co sinal 4G.

No descanso do encontro realizarase un xogo deportivo patrocinado por Grupo Cenor, así como o xa habitual sorteo de material deportivo do Santiago Futsal. A venda de rifas para o sorteo  realizarase no hall do Pavillón e terán un custo de 1€ a rifa.

Para o encontro de mañá todos os abonados do club accederán de maneira gratuita, mentres que o prezo das entradas para non abonados será de 10€ a entrada de adulto, 5€ a entrada xuvenil (13-17 anos) e 2€  a entrada infantil (menores 13 anos). A venda de entradas realizarase na taquilla do Pavillón dende as 20h.

8 de outubro de 2015 | 14:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.