Sanmartín condena o feminicidio e defende a necesidade e a urxencia do feminismo
A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, participou na inauguración da terceira edición do curso “Historia da Teoría Feminista”, organizado polo Centro de Estudos de Xénero e Feminismo da Universidade da Coruña no que defendeu a urxencia e a necesidade de avanzar e difundir o feminismo e a súa historia.
Goretti Sanmartín coincidiu no marco das xornadas con compañeiras coas que botou a andar o Seminario Feminista da Universidade da Coruña como a propia Rosa Cobo, directora do CEXEF, e nese marco defendeu a contemporaneidade do feminismo e a urxencia de promover a súa condición liberadora para as mulleres.
Sinalou no acto de apertura do curso o interese do feminismo por “coñecer a súa propia historia, por nos sabermos parte dun movemento no que as nosas reivindicacións non son illadas”. Defendeu tamén o “fío condutor”que existe dentro da pluralidade dos feminismos e no que se establece un elo de encontro das demandas das mulleres nas súas distintas loitas.
“O feminismo é contemporáneo e apreciamos como unhas feministas se preocupan e se ocupan no que outras están a facer, teñen sede de se sentiren grupo, de veren que somos colectivo”, afirmou Goretti Sanmartín ao tempo que fixo referencia ao texto elaborado pola escritora María Reimóndez como homenaxe a Begoña Caamaño, nesa sorte de encontro e busca das autoras feministas, nesa ansia de comunicación, de comunidade e de compartir espazos no discurso antipatriarcal.
Feminismo fronte feminicidio
Goretti Sanmartín condenou na súa intervención o asasinato dunha muller en Vigo que suma unha máis ás vítimas mortais da violencia machista, nunha situación que cualificou de “extrema gravidade”. Na súa intervención, defendeu, máis unha vez, o uso do concepto “feminicidio” por evidenciar con claridade que as mulleres son asasinadas só por seren mulleres e avogou polo feminismo como a máis acaída ferramenta para combater a discriminación.
Desde a Deputación da Coruña, sinalou, o novo goberno comprométese a combater con todos os medios ao seu dispor a violencia contra as mulleres e a promover accións de goberno para acadar a igualdade real. Neste sentido, Goretti Sanmartín parabenizou o traballo do Centro de Estudos de Xénero e Feminismo da Universidade da Coruña e a celebración de cursos como o que este martes se inaugurou no que participan expertas como Luísa Posada, Mónica Bar Cendón, Antía Pérez, Ana Sánchez Bello, Beatriz Ranea Triviño ou a propia directora Rosa Cobo. A primeira das conferencias do curso correu a cargo da xurista costarricense Alda Facio, directora do programa “Mujer, Justicia y Género del Instituto Latinoamericano de las Naciones Unidas para la Prevención del Delito”.











