publicidade hoxe

Salvemos Cabana considera que a actuación das autoridades no caso Corcoesto axústase a dereito

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabana de Bergantiños
A-
A+

Ante da demanda anunciada por Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater contra o Goberno de España, a Plataforma lembra que o rexeitamento da Administración tivo que ver co incumprimento dos requisitos impostos á empresa, que esixían multiplicar por 60 os fondos propios alcanzando o 25% do investimento previsto durante a vida útil da mina (27 millóns de euros), e que esta finalmente non puido satisfacer.

Na reunión da Comisión Parlamentaria de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo celebrada o pasado 19 de decembro de 2014, o Director Xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, afirmou que non parece procedente que se presente ningunha reclamación patrimonial por parte de Edgewater porque “non se dan os supostos para iso, hai unha solicitude denegada por resolución firme en vía administrativa, totalmente conforme a dereito e nese sentido non cabe responsabilidade da Administración”. Como insistiu entón “non hai ningunha circunstancia, nin de feito nin de Dereito para que se estime o recurso administrativo interposto”.

A mineira superou o prazo establecido en xullo de 2013 pola Consellería de Economía e Industria para acreditar unha solvencia mínima sobre o investimento do proxecto e un compromiso en firme co resto do financiamento, achegando ademais a documentación esixida que acreditase a capacidade técnica da empresa para desenvolvelo, polo que, tal como sinalou a propia Xunta, non cabe reclamación algunha por danos patrimoniais ao tratarse dun proxecto en fase de tramitación no que se incumpriron os requisitos expostos.

A RETIRADA DOS DEREITOS MINEIROS TAMÉN FOI LEGAL

Doutra banda, a aprobación da Lei 12/2014, de Medidas Fiscais e Administrativas e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia referenda a decisión da Xunta de retirar os dereitos mineiros á compañía, ao incorporar no seu articulado unha modificación da Lei 3/2008, de Ordenación da Minería de Galicia, que estipula con claridade que os dereitos mineiros poderán denegarse motivadamente “polo incumprimento dos requisitos subxectivos ou a insuficiente acreditación da solvencia económica ou técnica do solicitante”.

A entrada en vigor da nova lei, ademais, non deixa lugar a dúbidas, ao sinalar que “unha vez que a resolución denegatoria sexa definitiva na vía administrativa, o órgano mineiro competente incoará de oficio o procedemento de caducidade dos dereitos, que, unha vez que finalice, implicará a cancelación da inscrición correspondente no Rexistro Mineiro de Galicia”.

A PESAR DA CANCELACIÓN DAS CONCESIÓNS, O PROXECTO PODERÍA RETOMARSE CO TEMPO

A Plataforma considera que non é momento de celebracións, porque a pesar da cancelación das concesións “Emilita”, “Cidade de Landró” e “Cidade de Masma” (códigos 1221, 1454 e1455 respectivamente), que supoñían o eixo esencial do plan de Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater, é necesario un avance significativo na reforma da Lei 3/2008, de Ordenación da Minería de Galicia, que aínda mantén vixente o Plan Sectorial de Actividades Extractivas (PSAEG), unha normativa que dá prioridade á industria mineira.

De feito, nos artigos 11 e 12 da actual lei mineira 3/2008, ao PSAEG atribúenselle plenos poderes que chegan a prevalecer mesmo sobre os plans urbanísticos de zona ao incluírse o concepto de “máxima simplificación administrativa na tramitación dos expedientes mineiros”, establecendo unha clara preeminencia desta actividade sobre outros sectores produtivos e dando de facto vía libre a un proceso liberalizador ao primar sobre o público criterios empresariais e económicos. Neste contexto, un novo proxecto mineiro en Corcoesto non só é posible senón mesmo probable cando a evolución económica permita un prezo á alza das materias primas que fagan rendible a súa explotación.

22 de outubro de 2015 | 16:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.