publicidade hoxe

Salvemos Cabana: “A actuación do Goberno de España favorece os intereses da megaminería do ouro en Corcoesto”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabana de BergantiñosLocal Portada
A-
A+

O recurso de inconstitucionalidade presentado polo Executivo sobre varios artigos da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de Medidas Fiscais e Administrativas de Galicia, no referente ás reformas introducidas na lei autonómica 3/2008, de Ordenación da Minería, podería facilitar as millonarias reclamacións económicas da canadense Edgewater Exploration e mesmo en última instancia a recuperación dos seus dereitos mineiros na zona, cuxa caducidade anunciouse de maneira oficial en datas recentes.

De maneira lamentable e a pesar da plena legalidade da retirada das concesións á mineira de acordo á norma establecida pola Xunta, unha sentenza favorable á petición do Goberno por parte do Tribunal Constitucional podería ter consecuencias negativas no desenvolvemento do conflito, pois o artigo impugnado -o 84-, modifica a disposición transitoria segunda da Lei 3/2008, que en definitiva permitiu a cancelación efectiva -polo menos temporalmente- do cuestionado proxecto extractivo.

De feito, por parte do Presidente do Goberno, invocouse o artigo 161.2 da Constitución, que tal como sinalou o Alto Tribunal, produce a suspensión da vixencia e aplicación dos preceptos impugnados desde a data de interposición do recurso o pasado 30 de setembro, o que ata a súa completa resolución deixa no aire polo menos parte das medidas tomadas ata agora pola Administración galega.

DEMANDA INTERNACIONAL DE EDGEWATER CONTRA O ESTADO ESPAÑOL

Mentres a actuación do Goberno central parece poñerlle de maneira imprevista unha sorte de “alfombra vermella” aos plans da canadense, Edgewater anunciou a súa intención de acudir á arbitraxe internacional referida no Tratado Bilateral de Investimento entre España e Panamá (‘Acordo para a promoción e a protección recíproca de investimentos entre o Reino de España e a República de Panamá’), que no seu artigo 12 trata sobre a resolución de controversias entre investidor-estado, ben sexa mediante un tribunal creado ‘ad hoc’, e establecido de acordo co Regulamento de Arbitraxe da Comisión das Nacións Unidas para o Dereito Comercial Internacional ou ao Centro Internacional de Arranxo de Diferenzas a Investimentos (CIADI), vinculado ao Banco Mundial e proclive á actividade corporativa.

De saír adiante neste contexto as demandas de Edgewater, tanto o investimento coma o lucro cesante previsto pola compañía terían que ser custeados polo erario público, é dicir, polos contribuíntes, nun funesto recordatorio dos graves efectos que poderían supoñer a firma de tratados de libre comercio como o TTIP, TISA e CETA, que garanten a resolución de litixios por este sistema e rematan por beneficiar unicamente ao gran capital transnacional.

CORCOESTO, UN PROXECTO QUE NUNCA DEBEU PLANTEXARSE

Facendo balance da evolución do caso desde os seus inicios, este proxecto mineiro nunca debeu de saír adiante. As accións tanto do alcalde popular de Cabana de Bergantiños José Muiño, que apoiou cegamente a proposta desde o primeiro momento aínda á conta de dividir aos veciños da comarca afectada, a nefasta xestión efectuada pola Consellería de Medio Ambiente -por aquel entón con Agustín Hernández á fronte-, que aprobou a finais de 2012 unha declaración de impacto ambiental sen atender as numerosas alegacións presentadas e o posicionamento precoz e inverosímil por parte de Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta de Galicia, apoiando a iniciativa nas súas orixes, fixeron o resto.

Urxe a petición de responsabilidades. Tivo que ser a reacción da cidadanía, a través da actividade de numerosos colectivos como a Plataforma Salvemos Cabana, a que marcase a diferenza, reorientado unha situación e cambiando o rumbo de parte da clase política ata conseguir a cancelación do proxecto. A mesma cidadanía que a través dos seus impostos podería agora ter que facerse cargo e enfrontar as demandas pecuniarias da compañía canadense.

27 de outubro de 2015 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.