Rosario Porto declara que en xullo de 2013 tomou algún orfidal e dende finais de mes lle foi pautado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

Tras cinco horas de interrogatorio, Rosario Porto negou ante o fiscal do caso, Jorge Fernández de Aránguiz, que lle dese ‘orfidal’ á súa filla Asunta o día en que faleceu a nena, e respondeu tamén negativamente á pregunta de se llo subministrou o seu exmarido Alfonso Basterra, aínda que sinalou que supón que si “tivo ocasión” de facelo porque ela puido “ir ao cuarto de baño”.

Sinalouno case ao final dunha longa declaración, na que o fiscal comezou con cuestións sobre a súa relación co seu exesposo e abordou outras como a súa depresión, as súas enfermidades, e a súa relación coa nena e co home que coñeceu tras o divorcio.

Ao inicio da mañá deste xoves, Porto respondeu ao fiscal que o seu exmarido “un pouco si” se puxo como un energúmeno -na denominación de Fernández de Aránguiz- cando descubriu que ela mantiña outra relación, pero non recoñeceu se o pegou.

Noutro punto, afirmou que “a nena presentaba rinites alérxicas” e que na “primavera verán de 2013” estivo “bastante cargada”.

“COMPROUNO EL”

A continuación, declarou que en xullo de 2013 ela, afectada de depresións, tomou ‘orfidal’, en concreto “algún solto”, pero dende finais dese mes foille pautado por outro doutor.

Sobre quen os adquirira, dixo que cría que o pai da nena “falara” co doutor para que lle dese “unha receita”, porque os “comprara el”. “Os de xullo si, creo”, apuntou.

O HOME QUE INTENTOU MATALA

No relato dun episodio acontecido no seu piso, no que supostamente un home intentaría matar a Asunta na súa casa de Santiago, Rosario Porto afirmou que non sabe “de onde” sacou “a forza” para tirarse “enriba desa persoa”, de forma que este “soltou a nena”.

Segundo indicou Porto, despois, ambas as dúas -ela e a menor- acudiron á cociña a coller un coitelo para “solucionar” a situación por si mesmas, pero foron ata a porta e o individuo fórase.

Ás preguntas do Ministerio Fiscal sobre se ladrou o can da veciña, a acusada sinalou que o facían de día e “moito”, pero non concretou se tamén ladraron aquela noite, e admitiu que rematou por non denunciar o estraño suceso xa que quería que Asunta tivese “percepción de seguridade” na súa vivenda.

COMO “DOPADA”

Máis adiante, sobre un día de xullo no que profesoras advertiron de que Asunta se atopaba estraña, a súa nai recoñeceu que estaba como “dopada”, pero atribuíuno a unha pastilla para a alerxia que cre que lle deu o seu pai.

En canto á xornada que faltou a clase en setembro e o motivo polo cal ela escribiu unha carta ao titor escusándose nunha prescrición de medicamentos que lle ocasionara vómitos a Asunta, Rosario Porto alegou que son “cousas que se fan polos cativos”.

Argumentou, así mesmo, que á nena lle gustaba atender ás súas responsabilidades e que non quería admitir, como asegurou este xoves a acusada, que o que acontecía era que a noite anterior tivera “unhas décimas de febre”.

CONTRADICIÓNS

Ao respecto do acontecido en xullo, Porto negou que a súa filla se queixase de que o seu pai lle subministrara uns pos brancos, e afirmou que era complicado que a nena tomase calquera medicina.

Xa cara ao final da mañá, ao alertar de contradicións o fiscal entre este xoves e anteriores declaracións, Rosario Porto apuntou que “é posible” que Asunta estivese empeñada en queixarse en xullo e se lamentase polo feito de recibir eses pos do seu pai.

SUPOSTO ENSAIO

O suposto ensaio do crime saíu a colación esta mañá antes do receso, cando o fiscal desvelou que a alarma da casa de Montouto foi desconectada durante varias horas na véspera do día que Asunta Basterra non acudiu a clase por atoparse mal.

Previamente, Porto había dito que ela non fora dende había un tempo a esa casa -onde a acusación sostén que se produciu o crime- ata o mesmo día da morte da menor.

Non obstante, nos documentos mostrados polo Ministerio Fiscal figuraba que catro días antes da morte de Asunta alguén desconectou a alarma entre as 17,35 e as 22,40 horas.

Ante os requirimentos de Fernández de Aránguiz, a acusada negou que fose ela e explicou que só tiñan chaves do terreo o seu exmarido, Alfonso Basterra, con quen a nena pasou a tarde; e un veciño.

FOTO DO CADÁVER

“Acábanme de dicir que a miña filla pode ser ese cadáver, para que me vou fixar en ningunha papeleira”, replicou, noutro momento, a acusada ao representante do Ministerio Fiscal, quen, despois, fixo aos xurados analizar fotografías das cordas achadas en distintos puntos e mesmo unha imaxe co cadáver da nena, que, ao ser vista por Porto, provocoulle un profundo choro.

Isto aconteceu despois de que a acusada se pasase toda a mañá con aspecto compunxido e chorosa, pero profusa nas súas explicacións na sala.

Mesmo, Porto mostrouse desconforme co fiscal, ao que preguntou se ten fillos para tratar de facelo entender como se sentiu ela nos momentos posteriores ao achado do cadáver, e chegou a levantar a voz en varias ocasións, tras o que pediu desculpas.

Así as cousas, negou coñecer as cordas achadas no lugar do crime e comentou que “compañeiras presas” do cárcere de Teixeiro, na que se atopa dende hai dous anos, e que “veñen do rural” lle indicaron que “Galicia está chea de cordas como esta”.

1 de outubro de 2015 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.