Román Rodríguez eloxia o compromiso coa cultura galega de Nélida Piñón na entrega do Premio de Relato Breve
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe a entrega do Premio de Relato Breve Nélida Piñón, que nesta primeira edición recaeu no escritor Xesús Castro Yáñez pola obra ‘O vello e o Minotauro’. No acto, ao que asistiu a propia Nélida Piñón, o titular do departamento de Cultura do Goberno galego eloxiou o compromiso e apoio desta autora universal á cultura galega, que agora se ve reflectido nun premio co seu nome que “forma parte xa dos estreitos vencellos que unen Galicia cunha figura fundamental na escrita do noso tempo”, salientou o conselleiro.
Neste sentido, Román Rodríguez agradeceulle á escritora o seu esforzo por reforzar os lazos que a manteñen unida coa Comunidade en xeral e con Cotobade en particular, concello que a nomeou filla adoptiva no ano 2005 debido ás raíces familiares que mantén con este municipio. Nese mesmo ano recibiu o premio Príncipe de Asturias das Letras e, máis recentemente, o 27 de setembro do ano pasado, ingresou como membro de honra na Real Academia Galega. Entre os múltiples logros que acadou esta intelectual internacional, destaca o de converterse na primeira muller do mundo en presidir unha academia da lingua, a Academia Brasileira das Letras.
Estimular a produción literaria en galego
Ademais de ser unha sentida homenaxe á propia Nélida Piñón, este premio tamén pretende –segundo destacou Román Rodríguez– estimular a produción literaria das escritoras e escritores galegos. Deste xeito, felicitou a Xesús Castro por gañar nesta primeira edición e, en consecuencia, mostrouse convencido de que este galardón “vai contribuír á súa traxectoria literaria”.
Neste sentido, o conselleiro –que estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo– gabou a obra ‘O vello e o Minotauro’, que foi editada nun volume tras impoñerse entre as 180 que se presentaron ao certame. O relato é unha reescrita do mito clásico que vencella a Teseo, a voz protagonista, con Ariadna e o Minotauro. A atmosfera que recrea o relato vese impregnada dun forte simbolismo e un tecido conceptual e alegórico que consegue deseñar unha arquitectura na que predomina a harmonía, a contención e a dosificación na intriga.
Colaboración institucional
O certame, dotado con 6.000 euros, está organizado polo propio Concello de Cotobade en colaboración coa Consellería e a Deputación de Pontevedra. A el podían concorrer as autoras e autores maiores de 18 anos con obras orixinais e inéditas escritas en galego e cunha extensión mínima de 7 folios e máxima de 15.