Robertas Geralavicius acada o segundo posto na Estrada
Un fin de semana máis o atleta da Sociedade Ximnástica, Robertas Geralavicius, volveu subir ao podio nunha carreira popular. Nesta ocasión foi a celebrada na Estrada, o V Memorial Manuel Bargueiro que congregou a numerosos atletas do centro de Galicia. Robertas estivo en todo momento na cabeza de carreira, cedendo ao final fronte ao portugués Nuno Costa, que foi o gañador, aínda que realizou un magnífico tempo de 30 minutos e 17 segundos nos algo menos de 10 quilómetros do percorrido.
Atletas da Ximnástica acudirán a unha concentración da Federación Galega
Os responsables da Federación Galega de Atletismo, do sector de velocidade, realizarán unha concentración de atletas, o próximo 16, 17 e 18 de outubro, en Lugo. A Federación acaba de dar a coñecer os nomes dos atletas galegos que están convidados a participar, entre os que se atopan 4 atletas da Sociedade Ximnástica.
Trátase de Darío Costas, Alfonso Pérez, Ángel Vargas e Eva Salvado; todos eles conseguiron ao longo da tempada que está a terminar, algunha medalla individual, nalgunha proba de velocidade, dos Campionatos de Galicia e algúns deles vestiron a camiseta de Galicia.
Estas concentracións axudan a ir facendo un seguimento máis exhaustivo dos atletas que poden chegar a formar parte, no futuro, da selección galega de atletismo.











