publicidade hoxe

Ribadumia entrega por primeira vez á veciñanza unha axenda de actividades municipais e de outras entidades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

Os veciños de Ribadumia recibirán ao longo desta semana nos seus fogares un boletín elaborado polo Concello de Ribadumia que inclúe a relación das actividades municipais e das actividades que organizan as asociacións do Concello.  

O boletín, que é a primeira vez que se fai no municipio, inclúe todas as actividades municipais que se ofertan durante este trimestre. Xadrez, tenis, patinaxe, judo, baloncesto e danza moderna son as actividades pensadas para os rapaces do municipio e o prazo de inscrición continuará aberto –excepto en judo e patinaxe que xa rematou-  nas oficinas do Concello ao longo do mes de outubro.

Para as persoas maiores, como xa se comunicou anteriormente, continúa aberto o prazo para o taller de Memoria e Psicomotricidade, que se celebrará os luns e mércores na Casa da Cultura de Ribadumia.  

O Concello tamén oferta unha nova actividade de Ximnasia dirixida ao público en xeral, que no caso de contar cun mínimo de persoas inscritas desenvolverase no Centro Social de Barrantes os martes e xoves en horario de mañá. O prazo de inscrición continúa aberto.

No boletín inclúense ademais as actividades que organizan as asociacións do municipio e toda a información necesaria sobre horarios, lugar e contacto para efectuar a inscrición (etc).

Como novidade, a axenda tamén ofrece ós veciños a relación de subvencións vixentes no momento, para as cales poderán solicitar máis información nas oficinas consistoriais en horario de 08:00 a 15:00 horas.

Programación do Auditorio Municipal de Ribadumia 

Xunto co boletín, entregarase o programa do Auditorio Municipal Santa Baia para este trimestre, que nesta ocasión aposta por unha programación variada con  música, cine,  teatro e moito máis. 

6 de outubro de 2015 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.