publicidade hoxe

Retíranse catro niños de vespa velutina na Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Retirada do niño

Retirada do niño

O equipo de operarios do grupo Tragsa que acudiu ao Concello da Laracha retirou na xornada de onte catro niños de vespa asiática – vespa velutina-. Foi o goberno local quen solicitou a a actuación dos especialistas despois da información achegada por veciños que detectaron a presenza desta especie invasora que se está a asentar en diferentes municipios galegos.

As colmeas eliminadas situábanse en lugares de acceso relativamente cómodo nos núcleos de Mantiñán e Abruñedo (parroquia Soandres), Amboade (Vilaño) e Cercido (Erboedo). Nos tres primeiros casos foron detectados na copa de árbores que non eran de gran tamaño. O de Cercido atopábase no interior dun alpendre.

En todos os casos os especialistas de Tragsa procederon, en primeiro lugar, á fumigación dos niños empregando pértegas extensibles e, a continuación, á súa retirada dos lugares nos que se situaban. Previamente advertiron que en dúas das colmeas a actividade xa era practicamente nula ao carecer as mesmas de nespras. 

No termo municipal da Laracha están localizados outros tres niños de avespa velutina en As Meneiroas (Coiro), O Seixo (Soutullo) e Cercido (Erboedo). Nestes casos sitúanse no alto de pinos e eucaliptos de gran tamaño, o que fai máis complicada a súa eliminación pola dificultade dos accesos e as condicións do terreo, que impiden a utilización dos medios precisos para fumigalos e retiralos.

Cabe lembrar que no pasado mes de setembro Tragsa xa acudira ao Concello da Laracha a retirar outras cinco colmeas en Montemaior, Lendo e Coiro. 

No caso de que unha persoa detecte un niño de avespa velutina, pode dar a alerta ao Concello da Laracha ou directamente á Xunta de Galicia a través dos teléfonos 012 e 112.

27 de outubro de 2015 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.