Retíranse 40 toneladas de residuos froito de verquidos incontrolados xunto á estrada Generoso Domínguez
A concelleira mosense de Medio Ambiente, Julia Loureiro, achegouse esta mañá ata a Estrada Generoso Domínguez ó seu paso pola parroquia de Tameiga para supervisar os traballos de recuperación que está a desenvolver unha brigada de operarios equipados de diversa maquinaria, entre a que se atopan dúas palas excavadoras, nunha zona que estaba a ser usada como vertedoiro incontrolado. Tan só en dita zona, onde os labores aínda non se atopan rematados, lévanse retirado un total de 40 toneladas de residuos de todo tipo, segundo hoxe informou a edil.
Este proxecto de rexeneración de espazos verdes deteriorados pola práctica de verquidos indebidos e indiscriminados de entullos, electrodomésticos, mobles e todo tipo de desperdicios, está a ser posible grazas a un convenio de colaboración entre o Concello de Mos e a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia.
O proxecto de recuperación contempla a retirada de residuos, así coma limpeza, adecentamento e rexeneración de zonas do municipio deterioradas a causa de verquidos incontrolados. En total melloraranse 16 puntos repartidos entre as parroquias de Dornelas, Torroso, Cela, Pereiras, Tameiga, Sanguiñeda e Louredo.
Os traballos comezaron pola parroquia de Cela, onde xa se atopan rexeneradas dúas zonas. Agora, e como xa se dixo, estase a traballar na Estrada Generoso Domínguez ó seu paso por Tameiga, onde a brigada continuará a actuar ata completar a rexeneración do lugar e que este quede en óptimas condicións.
Loureiro confía en que os 16 puntos que están a ser recuperados non volvan ser empregados como vertedoiros improvisados e incontrolados “xa que para ese uso existen sitios habilitados a tal fin, tales coma os contenedores, as áreas de reciclaxe e o Punto Limpo sito no PEMOS-Veigadaña”, insistiu a concelleira.
Para concienciar á veciñanza e potenciais actores de verquidos indebidos, tras a rehabilitación das zonas en cuestión, instálase un cartel concienciador que pretende persuadir de posibles novos verquidos de residuos.











