Remata a declaración de Rosario Porto oito horas e media despois
A declaración de Rosario Porto no xuízo que trata de esclarecer a morte da súa filla Asunta en circunstancias violentas rematou oito horas e media despois do seu inicio, sobre as 10,00 horas deste xoves. O interrogatorio máis longo foi o do fiscal, que se prolongou ata case as 15,30 horas, cun receso entre medias duns 30 minutos.
Xa pola tarde foi a quenda das preguntas do avogado da asociación Clara Campoamor, que exerce a acusación popular, e a dos letrados da defensa, José Luis Gutiérrez Aranguren e Belén Hospido, que representan a Porto e Basterra, respectivamente.
O proceso, no que deberá deliberar un xurado composto por nove persoas, retómase este venres ás 9,30 horas co interrogatorio ao outro acusado, Alfonso Basterra, exmarido de Porto e ao que o fiscal atribúe “un plan” coa súa exmuller para acabar coa vida da súa filla adoptiva.











