Raquel Arias supervisou a posta a punto do Plan de Vialidade Invernal 2015-2016 da provincia de Lugo

Raquel Arias xunto aos técnicos
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, comprobou hoxe cos técnicos no Centro de Conservación Ordinaria e Vialidade Invernal Zona Sur que todo esté a punto para que o vindeiro día 1 de novembro o Plan de Vialidade Invernal 2015-2016 poida desenvolverse con normalidade en toda a provincia.
Arias estivo acompañada por técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, cos que comprobou que a campaña se inicia cos medios e o material necesarios. A delegada sinalou que “o obxectivo é garantir unhas óptimas condicións de circulación pola rede de estradas de titularidade autonómica durante o inverno”.
En calquera caso, Arias instou aos condutores a “ser prudentes e extremar a precaución ante condicións meteorolóxicas adversas para evitar sinistros, aínda máis cando fenómenos coma a xeada e a neve son habituais na nosa provincia”. Tamén insistiu na importancia de “estar atentos ás recomendacións que fai a Dirección Xeral de Tráfico en cada momento”.
Como todos os anos, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, pon en marcha este plan, que, tal e como informou a delegada da Xunta, entrará en funcionamento o vindeiro domingo e prolongarase ata o 30 de abril en toda a rede viaria autonómica, que na provincia de Lugo é de 1.550 quilómetros. Destes, 379 quilómetros pertencen a treitos con maior risco de nevaradas polas súas características de altitude, orientación e peculiaridades climáticas locais.
Daráselle especial atención a doce portos de montaña que son, na zona norte, a Vaqueriza, A Fontaneira e O Cerredo (LU 530); O Acebo (LU 701); A Gañidoira (LU 540); Cruz da Cancela (LU 124); A Becerreira (LU 122); Alto do Couso (LU 751); e Alto de Meira (LU 750). E na zona sur da provincia, os portos con maior vixiancia serán O Cebreiro, Alto de San Roque e O Poio (LU 633); O Boi (LU 651); O Faro (GC-2.1); Oural (LU 546); Vilaesteva (LU 636); e O Portelo (LU 723).
Ao Plan de Vialidade Invernal, similar ao de outros anos, estarán adscritos 94 persoas. Entre a maquinaria e o material dispoñible figuran 18 camións, 10 cuñas quitaneves, 8 follas, 14 esparexedores de sal e 4 extendedoras de salmoira. Tamén se disporá de 11 silos de almacenamento de sal espallados pola provincia, con 740 toneladas de capacidade.
A campaña iníciase cun acopio total de sal estimado de 1.740 toneladas de sal mariña e de mina, 1.000 nos centros de conservación e o resto nos silos, que estarán ao 100% da súa capacidade. Ademais, hai catro plantas de fabricación de salmoira, que son as de Cabreiros e Baleira, na zona norte, e as de Bascuas e Vila de Mouros, na zona sur.











