Raquel Arias destaca o potencial exportador dos produtos agroalimentarios de Lugo polo excelente nivel de calidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, recibiu hoxe a unha delegación de empresarios de Corea do Sur, ante os que subliñou o potencial exportador dos produtos agroalimentarios de Lugo ao tempo que aproveitou para ofrecer a colaboración da Xunta para fomentar os intercambios comerciais.

Na xuntanza participaron os empresarios coreanos Jin Lee, do departamento de exportación de Capewine Cellar; Jun Gjin Park, director de Eurofood, e Jinhae Park, conselleiro de SGNR. Por parte da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) asistiu Jesús Quintá García, conselleiro delegado; Jaime Luis López Vázquez, secretario xeral, e Raquel Magán, técnico do departamento de comercio exterior.

A delegada destacou que “a excelente calidade e os métodos de elaboración outorgan aos nosos produtos un valor engadido polo que son cada vez máis apreciados e demandados nos mercados internacionais”.

Arias subliñou que a provincia ten un potente sector lácteo, cárnico, vinícola ou forestal, pero tamén transforma e comercializa, cada vez con máis éxito, castañas, mel, setas ou aceite, por citar algúns dos produtos que maior aceptación están a ter no mercado.

Nesta liña, a delegada animou ás empresas lucenses a aproveitar o acordo de libre mercado entre a Unión Europea e Corea do Sur, dado que “os produtos máis demandados polos importadores dese país corresponden ao sector agroalimentario, precisamente o ámbito no que a provincia de Lugo é punteira”.

Ao respecto, explicou que Corea do Sur foi o cuarto país de Asia ao que máis exportou Galicia no ano 2014 -algo máis de 60 millóns de euros-, por detrás de China, Emiratos Árabes e Xapón, “no primeiro semestre de 2015 xa exportamos a Corea o 92,5% do total do pasado ano”.

A delegada estivo acompañada na reunión pola secretaria territorial, Marta Barreiro; a xefa territorial de Economía, Emprego e Industria, Pilar Fernández, e a técnico da Oficina Territorial do Igape en Lugo, Cristina Sanz.

27 de outubro de 2015 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.