Rafael Peña pide desculpas e achaca as críticas aos seus posts a unha campaña de acoso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O concelleiro de Medio Rural de Santiago de Compostela, Rafael Peña, escribiu unha entrada na súa conta persoal de Facebook na que pide as súas “máis sinceras desculpas” aos que se “sentiran ofendidos” polos seus posts e, especialmente, aos “compañeiros dos movementos LGTBI e feministas”. Ademais, atribuíu a polémica a unha “campaña de acoso ao alcalde e ás candidaturas de unidade”.

En primeiro lugar, explicou que no comentario que suscitou as críticas “se transcribía unha cita dunha canción de Gigatron”, un grupo que “se escoitaba cando eran uns adolescentes no instituto”.

Tamén aclarou que, quen o “coñecen”, saben que “nunca” actuou de “perfil” con respecto aos temas relacionados cos dereitos LGTBI e da muller. “Sempre din a cara cando compañeiras foron acosadas nos seus postos de traballo polo mero feito de ser mulleres ou pola súa orientación sexual”, subliñou, antes de significar que “se pode comprobar toda a traxectoria” neste sentido no seu propio perfil de Facebook.

“É por iso que quero deixar clara a miña incondicional defensa da igualdade e dos dereitos de todas as persoas e colectivos”, remarcou no seu post.

“AMEAZAS”

Na súa entrada, explicou que xa recibira “ameazas” dende a campaña electoral sobre “as capturas” do seu Facebook “persoal e privado”, e “sabía que isto podía acontecer, polo que non o pillou de todo por sorpresa”. “Decidín non borrar os meus comentarios, xa que forman parte da miña vida, das cousas que fixen ben e tamén das cousas que fixen mal e que formaron parte do meu proceso de maduración e aprendizaxe”, argumentou.

Dito isto, engadiu que non se toma este asunto como “un ataque persoal”, senón que entende que “detrás hai unha campaña de acoso contra o alcalde, as candidaturas de unidade popular e o que elas representan”.

“Establecéronse unhas novas formas de facer política que non gustan a moitos. Todo vale con tal de sacar vantaxe electoral e política”, indicou, para advertir: “Por iso fiscalízase o pasado persoal das persoas; xogo que sabemos e podemos facer, pero no que nunca penso entrar”.

“NON VOU ENTRAR NUNHA CAZA DE BRUXAS”

Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen “evidentemente” falou con Pena, reafirmouse nas declaracións que fixo a pasada xornada ao respecto e insistiu en que non entrará en ningunha “caza de bruxas”, ao tempo que remarcou que si lle “molesta” que se fagan “determinado tipo de descontextualizacións”.

Malia a insistencia dos xornalistas en preguntar se as ve “afortunadas” ou “desafortunadas” as palabras do edil nas redes sociais, rexeitou entrar nese tipo de cuestións e remitiuse ao texto escrita polo propio Pena, ademais de reiterar que, cando fala de “liberdade de expresión”, non está a analizar o carácter do contido.

Tamén rexeitou “comparar” as manifestacións do concelleiro coas “ameazas directas” á súa persoa en redes sociais que se saldaron cun veciño de Santiago detido. “Eu non atopo nexo”, remarcou, antes de volver cinguir as críticas ao edil a “unha polémica xerada conscientemente” para “desgastar” o goberno local.

9 de outubro de 2015 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.