Rafael Cuíña critica aos partidos que fan acordos entre cúpulas porque non están á altura da confluencia
O alcalde de Lalín e membro da dirección de Compromiso por Galicia, Rafael Cuíña, censurou que hai partidos que “non están á altura” das circunstancias para alcanzar a confluencia e configurar, deste xeito, unha candidatura galega para as eleccións xerais.
Cuíña, que pertence a “título individual” á plataforma Iniciativa pola Unión (unha das dúas que defende e impulsa unha lista galega para as autonómicas), expresou as súas críticas contra “todos os que fan acordos entre cúpulas sen consultar as bases”.
Así se refire, de forma velada, ao preacordo político asinado por Anova, Podemos e Esquerda Unida e que aspira a servir de base para crear unha candidatura de confluencia.
Doutra banda, Iniciativa pola Unión, xunto á outra plataforma, Encontro Cidadán por unha Marea Galega, decidiron impulsar un encontro no que reúnan a todos os partidos que se mostraron favorables a unha candidatura galega.
Compromiso por Galicia celebrará o próximo 24 deste mes unha convención para decidir a fórmula na que esta organización política concorrerá ás eleccións xerais.











