Profesionais de máis de 20 países mostran o seu interese en Ternera Gallega na feira Anuga de Alemaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

Profesionais da importación, distribución, catering e restauración de máis de 20 países de todo o mundo achegáronse ao stand da IXP Ternera Gallega na 33ª edición da Feira ANUGA, que vén de celebrarse en Colonia, Alemaña.

Representantes do país xermano, Francia, Holanda, Bélxica, España e Hong Kong mantiveron encontros comerciais coa IXP para coñecer de primeira man información sobre a orixe, trazabilidade, características e propiedades da carne con indicativo de calidade que ampara a Denominación. Da man do Instituto do Comercio Exterior (ICEX), a IXP e industrias cárnicas inscritas, aproveitaron esta nova cita alemana na procura de novas oportunidades de negocio.

Un importante foro de traballo no que Ternera Gallega foi ademais protagonista das sesións de degustación aos profesionais da hostalaría da man do restaurador Guido Fritz, unha oportunidade para comprobar as súas propiedades culinarias, tenrura, textura e sabor.

A presenza en Anuga supón un paso máis no intenso labor de promoción que vén desenvolvendo a IXP no país xermano, mantendo encontros profesionais con comerciais cárnicas, distribución, restauración e medios de comunicación especializados.

Referente mundial

Máis de 6.700 expositores dun cento de países, preto de 300.000 metros cadrados de exposición e máis de 150.000 visitantes de procedencia internacional son algunhas das cifras que avalan a gran dimensión dunha das feiras sectoriais máis importantes en alimentos e bebidas en todo o mundo.

Un espazo para profesionais do sector que presenta as últimas tendencias e novidades, en liña co que demandan os diferentes axentes da cadea de valor e consumidores, e que reporta múltiples beneficios para as empresas expositoras. Un paraugas cun alto poder de convocatoria que aúna, ano tras ano, sinerxias e intercambios e que é capaz de integrar baixo un mesmo concepto 10 subfeiras organizadas segundo sector, temática e/ou produto ou servizo.

23 de outubro de 2015 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.