Productores e comerciantes reúnense en Lalín para avanzar na promoción dos produtos cara a Feira do Cocido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Reunión con produtores

Reunión con produtores

O alcalde, Rafael Cuíña, e o concelleiro de Rural, Miguel Medela, tiveron esta tarde unha reunión no concello con produtores agroalimentarios e distintos empresarios e comerciantes especializados na venda de alimentos da terra. Ambos estiveron acompañados da empresaria e colaboradora na organización da Feira do Cocido, Cruz López, e do técnico municipal de infraestruturas, Plácido López. 

O obxectivo da reunión foi o de poñer en común diferentes ideas e propostas coas que avanzar de cara a promoción gastronómica dos produtos alimentarios da zona, aproveitando as actividades relacionadas coa vindeira Feira do Cocido para darlle a maior visualización. Neste senso, o principal acordo ao que se chegou, foi o de proceder á colocación dunha carpa “estética, digna e de boa calidade” no Campo da Feira Vello, aberta tanto o sábado como o propio día do Cocido, “que funcione como o mellor dos escaparates no que vender e realzar a magnífica calidade dos produtos de Lalín”. A idea foi moi ben acollida polos presentes e o rexedor mostrouse convencido de que “vai ser un éxito”. 

O alcalde finalizou explicándolles aos asistentes “que o Cocido terá carices exclusivamente gastronómicos e culturais, polo que non haberá nin postos de calcetíns nin cintas de música como na feira do 18”, e adiantoulles que serán convocados a novas reunións para seguir ultimando detalles de cara a colocación da carpa e a promoción dos produtos. Na xuntanza congregáronse máis de 30 persoas entre os que destacou a notable presenza de empresarios do sector cárnico, produrores de mel e produtos de horta, ou fabricantes de queixos.

27 de outubro de 2015 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.