publicidade hoxe

Portos inviste 40.000 euros na mellora da vía de acceso ao peirao comercial e á explanada fronte á lonxa de Laxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLaxe
A-
A+

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, visitou esta mañá o porto de Laxe para comprobar o estado das obras de mellora e pavimentación do vial de acceso ao peirao e á explanada diante da lonxa. José Juan Durán manifestou que estas obras eran necesarias debido ao deterioro producido polo tráfico pesado que discorre polo vial. Así, con esta actuación mellórase considerablemente o acceso ás instalacións portuarias, facilitando o tráfico rodado que habitualmente utiliza este porto. Esta actuación conta cun investimento de máis de 40.000 euros.

A obra consiste nunha limpeza xeral de toda a superficie a pavimentar e dos bordes do camiño para, de seguido, realizar un fresado do antigo pavimento e de novo pavimentar en quente. Os restos de material serán transportados a un lugar de emprego ou xestor autorizado.

Na zona fronte á lonxa existe tamén un pavimento de formigón en mal estado que será necesario reforzar debido ao tráfico de vehículos pesados que transitan por el. Ademais será preciso refacer unha arqueta existente e colocar un novo sumidoiro para desaugue das pluviais.

Con estas actuacións tratase de mellorar, dentro dos programas de mantemento e conservación das instalacións portuarias, tanto os viais e accesos aos portos como, nalgún caso, as zonas de traballo que pola súa intensidade de utilización sofren a miúdo desgastes nos pavimentos. Así mesmo, dáselle resposta ás necesidades dos usuarios que desenvolven a súa actividade neste porto.

2 de outubro de 2015 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.