Pontevedra e Sogama subscriben un convenio a través do cal o Concello fará fronte á débeda contraída coa sociedade

Rolda de prensa do presidente de Sogama co alcalde de Pontevedra
A Sociedade Galega do Medio Ambiente e o Concello de Pontevedra asinaron esta mesma mañá un convenio a través do cal o ente local fará fronte á débeda contraída coa Sociedade pública, cifrada en 5.051.063,53. Este importe comprende a diferenza entre o que veu abonando o concello a Sogama e a cantidade correspondente ao canon único que rexe para todos os municipios adscritos ao seu sistema de xestión.
A fin de facilitar que o ente local dea cumprimento ás súas obrigas contractuais, o acordo, satisfactorio para ámbalas dúas partes, establece un fraccionamento do importe total adebedado en tres prazos e conforme a un calendario preestablecido. Así, antes do 30 de novembro de 2015, o concello abonará á empresa un total de 2.686.736,54 euros, e antes do 30 de marzo de 2016, 1.157.514,80 euros. A cantidade restante, é dicir, 1.206.812,19 euros, deberá facerse efectiva antes do 30 de xuño.
Así mesmo, e antes do 31 de outubro do ano en curso, o concello tamén deberá abonar as facturas pendentes de pago relativas ao 2015 e que xa foron emitidas por Sogama, ascendendo estas a 280.575,03 euros.
Coa formalización oficial deste convenio, suspéndense as actuacións xudiciais iniciadas e en trámite, dando por concluídos os correspondentes procesos unha vez que o ente local complete os pagos reclamados.
Neste contexto e, en adiante, o concello comprométese a pagar o canon unitario establecido en concepto de xestión e tratamento de residuos urbanos, e que ascende, para 2015, a 67,18 euros + IVE por tonelada de residuos xestionada e tratada, tal e como se recolle na Resolución da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de data 30 de decembro de 2014.
Faise necesario que, a partir deste momento, pague puntualmente as facturas xiradas por Sogama, de tal forma que en ningún caso se incremente a débeda pendente.
Cabe sinalar que, respecto de Pontevedra, rexe o mesmo criterio que se está a aplicar a outros concellos cos que a compañía subscribiu convenios de fraccionamento para o pago de débeda, contemplando o cobro de intereses correspondentes a sentenzas favorables. No caso do concello de Pontevedra, os intereses a percibir ascenden a 321.417,24 euros.
Comisión de seguimento
Nomeouse unha comisión de seguimiento que velará polo correcto cumprimento dos termos do convenio e que, en todo caso, está constituída polo presidente de Sogama e o alcalde do concello, ou persoas en quen deleguen, así como un técnico nomeado por cada parte.
Co peche deste acordo, ponse fin a anos de litixios, confiando en que as relacións entre concello e empresa se normalicen polo ben de ambas entidades e, sobre todo, polo ben dos cidadáns de Pontevedra, que serán os principais beneficiados.











