publicidade hoxe

Pau Pérez imparte un obradoiro para terapeutas en contextos de violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Este venres 16 e sábado 17 de outubro, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia promove unha actividade formativa para as e os terapeutas dos programas de atención psicolóxica en contextos de violencia contra a muller, neste caso centrada no traballo con emocións en psicoterapia. Estará impartida por Pau Pérez Sales, recoñecido psiquiatra a nivel internacional cunha ampla experiencia en contextos de violencia, maltrato e tortura, e terá lugar na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

O obradoiro é parte da formación que reciben os máis de 120 psicólogas e psicólogos dos programas de atención psicolóxica que xestiona o Colexio: o Programa de Atención Psicolóxica a Mulleres que Sofren Violencia de Xénero e o Programa Abramos o Círculo, dous servizos especializados que se xestionan en convenio coa Vicepresidencia da Xunta de Galicia e que ofrecen unha asistencia psicolóxica especializada no ámbito da violencia de xénero tanto a vítimas como a homes que desexen mudar a súa conduta.

Nesta actividade abordarán as emocións no marco do conxunto do proceso terapéutico, tanto as emocións primarias (tristura, rabia, ira) como as secundarias (culpa, vergoña), partindo dunha explicación teórica que se apoia en casos prácticos, estimulando a reflexión e a participación e promovendo o intercambio de experiencias.

Pau Pérez Sales exerce como especialista en psiquiatría no Hospital Universitario de La Paz, en Madrid, e é consultor da Organización Mundial da Saúde (OMS) para temas de violencia e catástrofes, ademais de ser asesor do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura. É perito en tribunais nacionais e internacionais para vítimas de maltrato e tortura e formador en Técnicas de Documentación de Malos Tratos e Tortura – Protocolo de Estambul.

Atención psicolóxica especializada

Os programas que vén desenvolvendo o Colexio Oficial de Psicoloxía buscan ofrecer uns recursos especializados de elevada calidade para evitar a agresividade na parella e abordando a problemática da violencia de xeito integral. 

Abramos o Círculo é un programa que ofrece atención psicolóxica especializada e de apoio a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar, ao que recorren voluntariamente homes que desexan mudar esta situación e eliminar a agresividade na súa relación coa familia e en especial, coa súa muller. A través deste programa, ofrécese información e tamén atención psicolóxica personalizada con dous obxectivos. Por unha banda, previr a violencia de xénero, e pola outra, ofrecer atención e terapia a aqueles homes que queiran aprender a resolver conflitos sen violencia, e a comunicarse dun xeito máis adecuado coa súa familia, e en particular, coa súa parella. 

O segundo dos programas que se recolle neste convenio é o de Atención Psicolóxica a Mulleres que sofren Violencia de Xénero, e complementariamente a menores e outras persoas dependentes delas que vivan ou padezan situacións de violencia de xénero. Máis dun cento de terapeutas por toda Galicia constitúen unha rede amplísima de asistencia que pode atender en menos de 48 horas a calquera muller que o solicite na súa localidade, e ao igual que no anterior programa, coa vantaxe de acudir gratuitamente a un despacho privado que non a identifica como vítima de violencia de xénero e que lle garante a privacidade.

Este Programa permite ofertar recursos terapéuticos para que as mulleres, menores e persoas dependentes destas mulleres, como pais ou nais enfermos, poidan recuperarse da situación que viviron, así como facilitar unha evolución posterior a partir desta terrible experiencia que lles permita abordar as relacións doutra forma e evitar que se repitan situacións parecidas. Deste xeito foméntase a adquisición de habilidades e capacidades que lles faciliten lograr a autonomía e a integración na vida social e laboral, e reforzar a súa autoestima, ademais de contribuír á súa recuperación. Ademais, grazas a un protocolo conxunto coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, este servizo é accesible tamén para persoas con discapacidade auditiva ao facilitarse un servizo de intérpretes.  

Estas e estes terapeutas levan a cabo a intervención profesional que engloba asistencias e consultas as persoas beneficiarias, asistencia oral en xuízo por parte das psicólogas e psicólogos do programa, así como a colaboración co Centro Autonómico de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, no apoio terapéutico e psicolóxico das súas usuarias. Mediante un protocolo de activación e intervención conxunto do Programa de Asistencia a Mulleres que Sofren Violencia de Xénero e do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do COPG, inclúese a cobertura da asistencia domiciliaria en caso de asasinato por violencia de xénero con carácter de urxencia e en días non laborables, de ser preciso, que se activa a través do 112.  

15 de outubro de 2015 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.